A Real Academia Galega (RAG) estreou este xoves a serie web documental das Letras Galegas 2022 cun episodio de presentación dedicado á localidade natal de Florencio Delgado Gurriarán, Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense).
Segundo informa a RAG nun comunicado, o primeiro dos cinco capítulos pode verse desde hoxe na páxina web da academia e na canle de Youtube da institución, que estreará un novo episodio cada xoves, tras a Semana Santa e ata a semana previa ao 17 de maio.
“Con este relato audiovisual a Academia pretende achegar a todo o público unha figura destacada do labor literario e do activismo cultural da diáspora coa que trasladamos, por primeira vez desde 1963, o Día das Letras Galegas ás terras de Valdeorras e ao exilio mexicano”, destaca o presidente da institución, Víctor Fernández Freixanes.
A serie, chamada ‘ Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda’, está desenvolta pola produtora Miramemira e a guionista María Yáñez.
“Os cinco capítulos trazan un percorrido pola traxectoria de Florencio Delgado Gurriarán deténdose nos diversos aspectos que compoñen o seu perfil, marcado polas inquietudes literarias, lingüísticas e políticas, e por un forte amor a Galicia, de maneira especial, por Valdeorras, a terra que o viu nacer no ano 1903”, resume María Yáñez.