A Xunta alega que a chegada de poboación do exterior “inflúe directamente” na alza de castelanfalantes

Os datos do IGE sinalan que un terzo dos nenos saben falar “pouco ou nada” en lingua galega
A Xunta alega que a chegada de poboación do exterior “inflúe directamente” na alza de castelanfalantes
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a presentación do portal Neofalantes.gal | Mónica Arcay (Ep)

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, alegou este venres que a chegada de poboación do exterior “inflúe directamente” no aumento de xente castelanparlante en Galicia.


Esta foi unha das valoracións que o representante autonómico fixo onte respecto dos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinalan que a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e un terzo de nenos de máis de cinco anos saben falar “pouco ou nada” na lingua cooficial.


As cifras derivan da actualización que realizou este 11 de outubro o instituto demoscópico do módulo específico de coñecemento e uso do galego da súa enquisa estrutural a fogares (unha información realizada a partir de case 10.000 enquisas).


En concreto, o estudo que publica o IGE certifica que son xa máis os cidadáns que residen en Galicia falando sempre en castelán –un 29,66%– que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua –24,37%–.


Sobre isto, o Goberno galego destaca que sete de cada dez persoas comunícanse en galego, concretamente un 69,25%.


“O galego continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio”, incidiu Valentín García, que remarcou, ademais que “practicamente o 100% da poboación é capaz de desenvolverse en galego na súa vida”.


Nesta liña, engadiu que ao redor do 94% das persoas comprende o galego e un 84,35% da sociedade “ten competencias” na escrita. Así mesmo, Valentín García precisou que a enquisa engade que neste período de tempo a poboación do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas. 

 

“Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanparlante, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos a deseñar medidas”, puntualizou.

 

Situación dinámica


Para Valentín García, os resultados deste estudo “constatan que a situación sociolingüística de Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento do galego por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos”. 


O secretario xeral expresouse así durante a presentación das novas ferramentas do portal Neofalantes.gal, plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.


Por outra banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, preguntado na maña de onte tamén polos datos do Instituto Galego de Estatística, limitouse a compartir as palabras do secretario xeral e sinalou que, a falta de estudalos con detemento, son “un reflexo da sociedade”. 

A Xunta alega que a chegada de poboación do exterior “inflúe directamente” na alza de castelanfalantes

Te puede interesar