A exposición “Galegos en Mauthausen” contará con visitas guiadas en Narón

O mércores 29 realizarase o primeiro percorrido, aberto ao público xeral con inscrición previa
A exposición “Galegos en Mauthausen” contará con visitas guiadas en Narón
A biblioteca municipal de Narón acollerá a mostra, un ano máis | JORGE MEIS

A asociación Memoria Histórica Democrática achega un ano máis á biblioteca municipal de Narón, a partir do luns, a exposición “Galegos en Mauthausen”, composta por imaxes e documentos que amosan as perspectivas dalgúns españois presos no campo de concentración nazi.


Olga Ameneiro, concelleira de Cultura, anunciou onte que a mostra poderá verse até o día 1 de febreiro, na planta soto da biblioteca. Así mesmo, lembrou que as visitas poderán realizarse de luns a venres, de 17.00 a 20.00, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Esta selección de 40 fotografías amosa as duras condicións de vida que se vivían en Mauthausen, así como por medio de documentación en diversos formatos, como as cartas, dalgúns españois presos naquela época escura.


Ademais, existe a posibilidade de realizar visitas guiadas á mostra, sempre que se soliciten previamente. Tanto os centros escolares, como as asociacións ou grupos de particulares, entre outros, poden optar a esta oferta chamando ao 981 382 173, no horario de apertura do centro. O mércores 29 está organizada unha visita guiada aberta ao público xeral, ás 17.00 horas, para o que hai que inscribirse a partir deste mesmo luns, ás 16.00, ben presencialmente ou por teléfono. 

A exposición “Galegos en Mauthausen” contará con visitas guiadas en Narón

Te puede interesar