Ton Blanco, escritor: “Houbo unha longa lista de represaliados de todos os estamentos sociais na nosa comarca”

O Pazo da Cultura de Narón será, este xoves, escenario da presentación do libro “Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal”, un traballo colectivo produto dunha loita constante que rexistra a cronoloxía da historia, en combinación cos testemuños dos seus protagonistas
Ton Blanco, escritor: “Houbo unha longa lista de represaliados de todos os estamentos sociais na nosa comarca”
O autor na primeira presentación do exemplar, que tivo lugar no pasado mes de febreiro no Ateneo Ferrolán | DANIEL ALEXANDRE

“Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal” é o título asinado por Antonio Blanco Carballo, Ton, que se presentará este xoves, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón, e que ademais será agasallado a todos os presentes. Esta obra, na que se artella un relato histórico dende o inicio da ditadura até a construción da estatua localizada no parque Antón Varela de Canido, fai protagonistas aos afectados ao incorporar os seus testemuños.


A fazaña que deu orixe ao libro remóntase ao 2006, cando o goberno bipartito entre BNG e PSOE organizou diversos actos enmarcados no Ano da Memoria, tal como lembra o autor. No 2011, este primeiro paso concretouse na idea do monumento, “a iniciativa de Vicente Couce, que foi represaliado polo franquismo”. Tras dúas mocións de Ferrol en Común para a súa construción, o 1 de xuño de 2021 constituíuse a Comisión Pro Memorial, coa fin de loitar por este obxectivo, que finalmente cumpriuse no 2024.


Precisamente, o Ateneo Ferrolán, que edita o exemplar en colaboración coa Deputación e os Concellos de Ortigueira, Pontedeume, Ferrol e Narón, organizou a semana pasada o primeiro aniversario da estatua, despois de albergar na súa sede a primeira presentación da publicación.


Por unha parte, o exemplar recompila os feitos máis trascendentes, comezando polo golpe de Estado, que derivou nunha “execución planificada polo propio réxime”, e continuando coa Folga do aceite que comezou no 1946, porque “non podemos esquecer que a fame tamén é represión”, sinala Ton Blanco Carballo. “Para salvar a vida, moitos homes botáronse ao monte e así xurde a guerrilla”, unha fórmula de supervivencia que se conta atendendo ás adversidades que experimentaron os escapados, aos seus enlaces e ás consecuencias contra as familias.


O autor exemplifica outros acontecementos que rexistra o texto, como son os asasinatos de Daniel Niebla e Amador Rey, en marzo do 1972, e Moncho Reboiras, en agosto do 1975. Non obstante, estes non son os únicos que aparecen no libro, que tamén recolle “unha longa lista de represaliados e as condenas que tiveron”, que corresponden a persoas “de todos os estamentos sociais: traballadores dos estaleiros, da construción, da industria madereira, cregos, profesores universitarios, académicos... e todo isto na nosa comarca”.


Segundo valora Blanco, “a i­nauguración do monumento foi un feito histórico para o conxunto da sociedade, moi emotivo para os familiares e de xustiza para as vítimas”, polo que a narración dos feitos tamén chega até o ano pasado. Neste sentido, o autor tamén reclamou a pertinencia de que finalmente se habilite o acceso ao muro do castelo de San Felipe no que se realizaron os fusilamentos, con paneis explicativos que apoien a medida.


A partir das entrevistas que xa realizara o coordinador, o relato enlázase cos testemuños das vítimas, enriquecendo aínda máis a dimensión cronolóxica do escrito, que desde un inicio artellouse baixo “a premisa de que se houbo vítimas é porque houbo verdugos”, continúa, aínda que, en todo caso, os protagonistas son os primeiros.


Ademais, o texto dedica unha atención especial á perspectiva das mulleres, “sobre todo as nais e as esposas que tiveron que sacar adiante ás súas familias, en medio da dor e o illamento, e tamén da desacreditacion dos seus seres queridos”, explica o autor, que tamén dá conta do encarceramento de moitas das que estaban casadas cos guerrilleiros.


Ton Blanco resalta os máis de dez artigos realizados por profesionais de distintos sectores, que se incorporan no libro e complementan este traballo colectivo que representa “Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal”. Do mesmo xeito, o autor destaca a contribución nas tarefas de coordinación que desempeñaron Anxo Ferreiro Currás e Xabier M. Dongil. 

Ton Blanco, escritor: “Houbo unha longa lista de represaliados de todos os estamentos sociais na nosa comarca”

Te puede interesar