De festa en festa polos concellos da comarca, que continúan a celebrar o Entroido

Este mércores, en Ares, Cedeira, Pontedeume e Ortigueira realizan o tradicional peche do encontro anual
De festa en festa polos concellos da comarca, que continúan a celebrar o Entroido
O pavillón Ale de Paz de Neda acolleu onte, Martes de Entroido, unha festa infantil | JORGE MEIS

O Martes de Entroido viviuse intensamente por diversos municipios da comarca como pode ser o de Fene, que coa xornada de onte inauguraba un programa que continúa esta tarde, co seu día grande: o festival de comparsas. Ademais de realizarse nesta localidade, este mesmo mércores conclúen as actividades en Ares, Cedeira, Pontedeume e Ortigueira cos tradicionais enterros ou queimas.


Nesta cita, a celebración repártese por distintos puntos como a praza da Constitución de aresá que, a partir das 17.00 horas, acollerá unha gran festa familiar con numerosos atractivos como o sorteo para as persoas disfrazadas, que rematará coa queima do Entroido na praia, sobre as 19.30.


O martes en Cedeira, o polideportivo encheuse de xogos e hoxe, mércores, a partir das 18.00, sairá a comitiva do Enterro da Sardiña desde a Marieta até a praza Roxa.


En Fene, os máis pequenos tamén foron os protagonistas e esta tarde, a partir das 17.30, as comparsas partirán do CCRD Perlío con destino á praza do Alcalde Ramón Souto González, onde terán lugar as actuacións e posteriormente a queima do Entroido.


O meco de Neda, “Pannocho”, deseñado polo pintor e escultor Carlos García, ardeu onte no campo dos Subarrieiros, tras unha animada festa infantil no pavillón Ale de Paz. A celebración continuará neste espazo o domingo coa degustación do cocido e mañá pechan as inscricións para asistir á merenda-baile dos maiores, que terá lugar o 14 de marzo no centro cívico da vila.


Despois dunha completa xornada de Entroido en Pontedeume, que onte incluíu a oferta de cinema pola mañá e pola tarde desfile de comparsas con actuacións posteriores, a festa conclúe hoxe co velorio na praza Real. A partir das 19.00 horas, haberá microteatro a cargo da compañía Rebuldeira, seguido da lectura do testamento e, arredor das 19.30 horas, está prevista a queima.


No caso do concello de Ortigueira, que tamén convoca o popular “fin de festa”, o desfile e actuacións das comparsas tiveron lugar o luns, deixando así un par de días de descanso até a cita de hoxe. Será a partir das 20.30 horas cando terá lugar o Enterro da Sardiña entre a praza Isabel II, o Cantón e a Alameda. 

De festa en festa polos concellos da comarca, que continúan a celebrar o Entroido

Te puede interesar