LETRAS GALEGAS | Un vello comunista

Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe de "Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro", de Perfecto Conde
LETRAS GALEGAS | Un vello comunista

Volvo a Perfecto Conde Muruais, amigo e camarada nos días aqueles cando o convencemento superaba á esperanza, por dicilo con palabra do poeta Ángel González, tan esquecido hoxe. Con Perfecto cadrara eu en Madrid o día en que ametrallaran ata a morte a Daniel e Amador. Aqueles herois da clase obreira presentes neste libro de conversas, Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro (Galaxia, Vigo, 2025)

 

Un volume ben afinado, no que Perfecto Conde, levado por Xesús Alonso Montero, fala a fondo cun comunista ourensán, residente en Vigo, quen logo de ter percorrido exilios en Rusia, Checoslovaquia, Franza, voltaría á patria, chegando exercer, na Transición, de concelleiro de Seguridade e Transportes en Vigo.


Irónico ver –sinala o Perfecto– a un comunista, detido, torturado, encarcerado no franquismo, mandando na Policía Local viguesa. Porque neste libro, ollo, está o devir dun home que sufrira a persecución dun sistema que tiña pouco que ver co “paternalismo” que lle adxudicaba Duverger senón coa crueldade policial que nos narran Conde e Núñez, con datos e nomes e hábitos e actitudes dos torturadores (ficaron impunes, vaian co vento nada fresco senón reseso da ruindade que os enchoupaba).


O que fica, ben honroso, é o que conta Núñez, axitador e estratega, deseñador, baixo da férula de Domingo Malagón, de documentación, encriptados e bótalle fío ao cataventos de como navegar por mares decididamente arriscados. Á parte as mencións, poucas, este é o libro do pai e non do fillo, a Carlos Núñez, o mítico gaiteiro, descendencia de María Xesús Muñoz e o protagonista deste volume, tan ben artellado. No que saen Pasionaria, Líster e Carrillo. Mais tamén Rafa Pillado (canto te botamos de menos, rei), Xulio Aneiros ou Balón. 


Un percorrido polo tempo case prehistórico da ditadura que hoxe semella pesadelo, mais anima a non perder a vista, como ben subliña Carlos Núñez a Perfecto, dos ventos contrarios que andan a zoar por aí fóra. Un tempo aquel no que sobranceaba na loita o Partido Comunista, hoxe prácticamente disolto noutros xestos ou maneiras partidistas. 


E quero dicir, desde a miña óptica de “compañeiro de viaxe” deles, durante o franquismo, que pouca xente vin tan entregada e liberal, por xenerosos, como os comunistas. Por iso a importancia de libros como este, testemuña dun home non nada narcisista, que fala o xusto (e necesario, como din na misa), para que saibamos máis do que estaban a xogar. Un volume, pois, artellado con habelencia e sabedoría por un home, xornalista categórico, que sabe o que se ten entre mans.


P.S: feita esta reseña aprendo, con tristura, a morte en Mugardos dun dos nosos, de Xuvia-Neda, Juan Varela Díaz. Da miña idade, case, Juan, traballador de Astano, militaba no PCG, e sufrira como Carlos Núñez exilio francés, logo de ser detido e torturado en Ourense e Ferrol, no ano 72. 

 

Ocupárase de labores de propaganda, imprimindo “Mundo Obreiro”, “A Voz do Pobo” xunto coa súa hoxe viúva, Libertad. Para ela, hai nomes, xa se ve, que imprimen carácter, a mágoa de quen moito alternara, nenez e mocidade co afoutado Juan. Mágoa e gratitude.

LETRAS GALEGAS | Un vello comunista

Te puede interesar