A historia literaria do XIX está inzada de relacións tensas e intensas, de duros ataques e declaracións de amor eterno que, co tempo, foron vendo a luz en múltiples entregas do xénero epistolar que serviron, ás veces de maneira decisiva, para coñecer a intrahistoria das grandes obras e, tamén, do día a día, do cotiá, de como se movían as rodas do pensamento dos seus autores.
A que durante uns anos –non máis de tres, probablemente– mantiveron Benito Vicetto (1824-1878) e Manuel Murgía (1833-1923) foi unha das máis traumáticas porque nela se reflicte o deterioro absoluto dunha relación que, segundo o propio Murguía deixara constancia en “Los precursores” (1886), semellaba destinada a parir grandes proxectos; o máis elevado, unha “Historia de Galicia” que expresase o agromar dunha conciencia nacional propia. “Toda su fuerza, toda su importancia como escritor la sacó de aquella idea que, como ningún otro, extendió, afirmó, hizo querida y la creyó posible”, explica o “patriarca” nesa compilación de semblanzas.
Intercambiáronse arredor de corenta cartas –en ámbalas dúas direccións– a raíz de que Murguía fixese en El Correo Universal unha recensión eloxiosa sobre a que é a obra de Vicetto máis recoñecida, “Los hidalgos de Monforte”. O escritor ferrolán lera unha reprodución da crítica en La Gaceta e foi aí cando debeu de pensar que podería ter no marido de Rosalía un bo aliado para a causa. Nese tempo, maio de 1856, comezaron a cartearse.
Consérvanse (publicadas por Xosé Luís Axeitos e Xosé Ramón Barreiro na Fundación Barrié hai xa vinte anos) as enviadas por Vicetto e tamén algunhas (hainas inéditas no arquivo que custodian os descendentes de Gamallo Fierros en Ribadeo e que está analizando polo miúdo o xornalista Germán Castro) remitidas por Murguía.
Francisco Rodríguez: “Facer un labor cultural de tal envergadura sen un soporte colectivo detrás non fixo máis que exacerbar o individualismo”
En case todas elas hai reproches, pero durante moito tempo se creu –a primeira referencia está en “Los Precursores” e, xa nos anos 70 do século pasado, en “Benito Vicetto iñorado”, de Josefina López Serantes– que o detonante fora a animadversión ou rexeitamento que Vicetto sentira por Murguía no momento do seu primeiro encontro real. “Yo no sabré decir si fue desencanto, si alegría –relata Murguía–; si esperaba que yo fuese más o se congratulaba de hallarme menos de lo que temía (...). Todo lo disculpaba el gran contraste que ofrecíamos. Él, alto y fornido; yo, de más que corta estatura y al parecer débil; él, hombre; yo, a lo que representaba, casi un niño”.
Dese primeiro contacto en directo, o “patriarca” tamén tirou as súas propias conclusións. “Para mí y en aquel momento tenía todas las condiciones de un visionario y un estático. Me parecía oír a un aldeano de mi país a quien Dios hubiese concedido una imaginación poderosa...”. “(...) Si él quedó contento y satisfecho de su triunfo, yo en cambio salí triste y de-sesperanzado. Era la primera vez que nos veíamos y me parecía la última”.
Con todo, non foi así e a relación epistolar prolongaríase durante varios anos, aínda que nada volvería ser coma antes do encontro. A publicación das respectivas Historias de Galicia, primeiro a de Vicetto e logo de Murguía, acabaría por distancialos definitivamente.
Malia a dureza da lembranza daquel primeiro contacto, hoxe en día ninguén defende que o “repudio” físico sexa argumento central dese distanciamento. “Nas cartas”, apunta Germán Castro, xornalista que traballa na biografía de Vicetto, “non hai ningunha referencia dese tipo e, aínda admitindo que puidera haber un aceno de sorpresa, non significa unha desacreditación de Murguía”. Nesa liña, Castro di que “dá a impresión de que incluso lle tivo certo medo porque Vicetto ía en plan líder e porque temía que puidese eclipsalo. Por outra parte, o ferrolán debía de ter tamén algún complexo por non ter podido acceder a estudos que lle refregaron polo fuciño moitas veces. Mesmo nunha ocasión di del mesmo que é limitado e que na Historia de Galicia vai facer o que poida. Creo que son dous personaxes que merecían un estudo psicoanalítico”.
Castro cre que as mitificacións non son nunca positivas e, nese sentido, Murguía durante moito tempo foi ‘palabra de Deus’, pero co tempo foise coñecendo tamén como era o arteixán. “Hai uns versos satíricos de Xesús Muruais que din así: ‘Ya que la naturaleza hízole principio de hombre/ él la imita en su pereza/ que, en desdoro de su nombre,/ nada acaba y todo empieza’. Non serei eu quen o desacredite, pero creo que foi excesivamente duro en ‘Los precursores’ e contribuíu a que non se tratara con rigor e seriedade a Vicetto. E creo que xa vai sendo hora”.
Xosé Luís Axeitos: “Murguía considerou que Vicetto lle daba un trato desigual e cría que este último non era o historiador que necesitaba o país”
O investigador Francisco Rodríguez cre que ese conflito persoal debe enmarcarse “nun contexto histórico, social e político porque, se non, parece algo disparatado”. Recoñece que o feito de que “Murguía e, sobre todo, Vicetto esperasen ver un ser distinto ao que realmente eran pode ser un motivo, pero non o principal”.
Para Rodríguez, a causa é a “coincidencia no tempo da intencionalidade de escribir unha Historia de Galiza por parte de un e de outro, nun momento histórico en que nin o un nin o outro contaban cunha organización política, social ou cultural de base galega, é dicir, que non había aínda un nacionalismo organizado; había un nacionalismo ideolóxico pero que non se vehiculizaba organicamente. Cando tes que facer un labor cultural de tal envergadura e non tes un soporte colectivo detrás, o esforzo por buscalos é individual, e iso leva a que ese esforzo individual poida tropezar con outros esforzos individuais, provocando en persoas con egos marcados unha situación de competitividade”.
O escritor ferrolán lembra, ademais, que ao se publicar case ao mesmo tempo as Historias “creou unha confusión grave, de tal maneira que mesmo as descalificacións que ían dirixidas a Vicetto, para moita xente era tamén descalificacións para Murguía, e iso provocaba unha sensación de desagrado nos editores, que tiñan que defender o seu produto”.
Partindo de que esas circunstancias os convertían en individualistas –máis Vicetto que Murguía, precisa–, Rodríguez cre que a morte tan prematura (54 anos) do primeiro impediu que “acabasen confluíndo porque organicamente ía haber un momento en que se ía dar en todas as persoas algo nacionalistas no que foi a Asociación Rexionalista Galega”.
Germán Castro: "Non serei eu quen desacredite a Murguía, pero creo que contribuíu a que non se tratara con rigor e seriedade a Vicetto. E creo que xa vai sendo hora”
Con todo, Francisco Rodríguez afirma que “por riba de descalificacións e malia seguir afirmando a negatividade da obra histórica de Vicetto, Murguía fai unha valoración moi positiva da súa figura”.
Os dous protagonistas desta polémica tiñan personalidades distintas, nalgúns puntos mesmo antagónicas. Para o profesor Xosé María Dobarro, unha das claves do enfrontamento está “nos egos. Pecaban de exceso de personalismo, aínda que Vicetto dille nunha das cartas que hai sitio para os dous”. Secasí, di Dobarro, non se debe esquecer a “cuestión económica: ambas Historias se beneficiaron de organismos como as Deputacións”. Aínda que lle concede á obra de Murguía un valor historiográfico maior –hoxe, loxicamente, tamén superado–, Dobarro recoñece que Vicetto “xogou un papel moi importante na conformación do espírito galeguista”.
O investigador e académico Xosé Luís Axeitos publicou hai dúas décadas con Xosé Ramón Barreiro a correspondencia de Murguía, primeiro na Fundación Barrié e, logo, na Fundación Rosalía. “Vicetto lévalle dez anos a Murguía, e creo que este entendeu desde o primeiro momento que foi unha relación desigual. Utilízao como recadeiro, de maneira pouco argumentativa: Vai aquí, vai alí... Publícame isto, publícame o outro”. Nesa relación xogou un rol importante o feito de que o que sería fundador da Real Academia Galega “desde moi mozo estaba co proxecto da Historia de Galicia e ve nas novelas e nas preocupacións intelectuais de Vicetto un espello, a referencia dunha persoa que ten as memas preocupacións ca el: dotarnos dunha Historia”.
Xosé María Dobarro: "A clave está nos egos. Ámbolos dous pecaban de exceso de personalismo, aínda que Vicetto dille nunha das cartas que hai sitio para os dous"
Cales serían, logo, as causas da separación? “Por unha parte, o trato desigual que lle dá Vicetto, que fai sentir a Murguía, se non humillado, non recoñecido”, di Axeitos, que lembra que cando o coruñés lle dedica un poema, Vicetto respóndelle que é malo. O mesmo sucede, relata, coa opinión desfavorable sobre “La primera luz” (1859).
Pero “o que realmente os separa”, sostén o académico, “é que a concepción historiográfica de Vicetto e a del non coinciden en absoluto”. Para Murguía, o ferrolán “non era o historiador que buscaba”, como deixaría escrito en recensións coma a de La Crónica de Nova York que dirixía Manuel Peña. “Na recensión que fai de ‘Los reyes suevos de Galicia’ (1861), cando ámbolos dous xa romperan, Murguía di que a Historia non se pode facer ‘ad narrandum’, senón ‘ad probandum’, e que esa obra ‘nos aborchorna’ nun contexto no que en Europa se debatía como abordar as historias nacionais”.
Un trato desigual, unha concepción da historia propia que non comparte... E promesas incumpridas, como a decepción que, segundo di, lle causou que o ofrecemento para traballar no Diario de la Coruña non frutificase”. Murguía escríbeo así nunha carta datada en maio de 1859, que debeu de ser unha das últimas, segundo sinala a historiadora Esperanza Piñeiro, quen achega esta transcrición da misiva que está no arquivo de Vicetto: “Dime si podías realizar algo de aquel sueño del camino de Pasajes, es decir, si me hacías ahí un periódico donde pudiese vivir algún tiempo. Esto lo he llamado sueño y no me arrepiento; sin embargo todo podía suceder. Nada me has dicho de Barros, ya no tienes para mí aquellas largas y expansivas cartas de antes y me parece que sino lo del café del León de Oro haya sido una pequeña mentira. Hemos echado allí pelillos a la mar, como se suele decir. ¿Por qué sigues conmigo de ese modo? ¿No me escribías antes cartas de cuatro y seis pliegos?; dime lo que haces, en qué piensas, qué tienes en el Diario, en fin (si quieres) satisface en todo esto mi curiosidad mugeril (sic). Vamos a otra cosa...”
Para Axeitos, en fin, “non houbo química, non houbo unha sociabilidade normal entre os dous” e, por suposto, pesaron cuestións máis prosaicas ou materiais: a posteridade. Posteridade, por certo, que ambos alcanzaron e que, polo demais, enriquece a historia da cultura galega.