Teño diante de min unha foto tomada no estadio universitario compostelán na primavera de 1972, probablemente no mes de maio, isto é, un par de meses despois dos crueis asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla e a posterior represión que tiveron lugar na nosa cidade. O acontecido foi verdadeiramente grave, desde logo moito máis que para falar de “sucesos”, termo utilizado antonte polo alcalde Rey Varela no acto de descubrimento da placa que nomea Avenida do Mar Rafael Pillado, a beiramar de Caranza. Un máis que merecido recoñecemento a quen tanto loitou na procura dunha sociedade máis xusta.
Recordo que ese curso académico 1971-1972, o do meu cuarto ano de carreira, foi, sen dúbida, no que menos horas lectivas tiven. Moitas xornadas de abandono das aulas por folgas, aproveitadas na biblioteca e na protesta. Chegara o bo tempo metereolóxico -que o outro, o político, aínda tardaría en dar sinais de vida- e os protagonistas da foto da que falo precisaban de limpar a mente para poder afrontar do mellor xeito posible os exames de fin de curso. Cando menos a min fórame ben. Pensouse que unha boa maneira de distración e divertimento era organizar un partido de fútbol entre os estudantes de penúltimo curso de Filoloxía Hispánica e os de Historia. Fíxose así e hai material gráfico que o recorda.
En branco e negro -aínda que xa se usaba bastante a cor- pódense ver once mozos vestidos de futbolistas na clásica colocación -que non a actual, na que cadaquén se pon onde lle peta- dos xogadores nas fotos de equipo daquela época. De pé, de esquerda a dereita, o porteiro, o defensa dereito, o defensa central, o defensa esquerdo, o medio dereito e o medio esquerdo. Anicados, tamén de esquerda a dereita, o extremo dereito, o interior dereito, o dianteiro centro, o interior esquerdo e o extremo esquerdo. Eu aparezo entre os agachados, na posición de extremo dereito. Levo barba e o cabelo grande, mais ou menos coma hoxe, aditamentos pilosos dos que tiven que prescindir un par de meses despois para me incorporar ao exército. No outro extremo dos anesgados aparece Emilio Montero Cartelle, que tamén loce unha barba e un cabelo -máis curto que o meu- que tería que rapar polo mesmo motivo ca min. As camisetas eran de raias verticais verdiblancas -na foto branquigrises, obviamente- como as que utilizan equipos como o Betis ou o Córdoba, que, por certo, onte, no último suspiro, gañou na Malata, con moita sorte e algunha axuda -entendo que non intencionada- do equipo arbitral.
A morte, para min totalmente inesperada, de Emilio Montero, o pasado día 18, foi o que me levou a buscar esa foto nas miñas sempre desordenadas pertenzas. Mirala tróuxome infindos recordos dos meus anos estudiantís en Santiago, onde tiven moita relación co amigo tristemente falecido, alén de sermos compañeiros de aulas, como ben di a orla da licenciatura de 1973, onde ambos aparecemos, como non, barbados. Ao longo dos anos, cando a vida nos deu oportunidade de coincidirmos, sempre tiramos da vella amizade para falarmos das nosas vidas, das nosas ansias... En particular, recordo como moi gratas as xornadas compartidas cando, como decanos que eramos, acudimos ás xuntanzas de decanos de letras que, a finais dos 90, se celebraron nas Universidades da Laguna e de Oviedo. Un grandísimo tipo. Inesquecible