As consecuencias dunha guerra

Xa están aquí, cousa por outro lado previsible, porque os que pescan en río revolto non perderon tempo en aproveitar a tráxica circunstancia dunha guerra para entrar a saco nos espurios intereses que se moven ao derredor dun conflito armado como é o de Rusia e Ucraína de consecuencias globais e imprevisibles.

No concepto de mundo global no que nos instalaron, unha confrontación armada repercute nos países afastados da raia onde se produce a contenda. Existe unha interdependencia baseada na necesidade de provisión de produtos de primeira necesidade dos que carecen, carecemos, moitos países. E os contendentes son provedores.

Eu sinceramente non creo que a subida indiscriminada e brutal de prezos nos produtos de primeira necesidade teña que ver directamente coa guerra Ruso-Ucraína, que tamén, e si máis coa especulación dos badulaques sen escrúpulos ávidos de sacar tallada con esta escusa. É certo que, por exemplo, moita semente de xirasol viña de Ucraína, pero o aceite subiu de prezo denantes de que esta guerra incidira directamente na escaseza desta materia prima: foi un pretexto especulativo extensible a outros produtos, enerxéticos por exemplo. E nós, que non somos precisamente un país que se auto abastece, andamos a velas vir a expensas dos manipuladores.

Putin, o agresor, seguramente non contou con que Ucraína ofrecera tanta resistencia e todo apunta a que o conflito durará máis do previsible, e canto máis se prolongue máis nos vai afectar. Non é certo que se queira liberar ao pobo ucraíno dun goberno nazi, cuestión esta que só debera competir ao pobo ucraíno, e si recuperar territorios desprendidos e perdidos da Unión Soviética coa Perestroika, como ben lembrarán os lectores. O de Putin son puras arelas imperialistas.

Deixando a parte as posibles motivacións do conflito o caso é que nos vemos afectados sen entraren de cheo na contenda. As sancións que se impoñen a Rusia están causando máis efectos negativos nos sancionadores que nos sancionados e xa vemos como a inflación está subindo aparatosamente nos países europeos que cren que a solución está en enviaren a Ucraína máis armas defensivas; nos EE.UU xa se fala das ofensivas. A solución pode formar parte do problema. O resultado será unha contenda máis longa de consecuencias inesperadas, como dicía ao principio ( en Rusia algúns xa falan dunha terceira guerra mundial).

A estas alturas pedir sentidiño o mesmo é moito pedir, e por outra banda a dotación de armas ofensivas a Ucraína non fará máis que agravar esta tráxica situación de morte e destrución e avivar a ambición sen escrúpulos dos que especulan coa traxedia. Ata cando? A saber.


As consecuencias dunha guerra

Te puede interesar