Andaban buscando nome para o meniño que naceu a principios de ano, dun ano calquera, nos primeiros días de xaneiro, despois do San Silvestre de Freixo e, obviamente, despois das Carreiras de San Silvestre que recorren parte do territorio desta Galicia nosa, ancestral e co seu futuro en marcha. Ou non? Quen sabe? Estamos transitando á velocidade de vertixe. Agardemos que o precipicio estea moi lonxe, que se tarde moitos anos en chegar a el.
Sen querer ou buscándoo a través de internet, atopou unha sorpresa enorme: Bodo Winter, profesor de Lingüística Cognitiva da Universidade de Birmingham, estudia os elementos que fan que un determinado nome sexa bonito. A investigación da que é director ten por obxectivo descubrir cales son os nomes masculinos que provocan maiores emocións positivas ao seren pronunciados.
Avaliaron máis de cen nomes e Zayn foi o que acadou a puntuación máis alta, o máis fermoso e máis bonito. Os estudosos atenderon á sonoridade, á estrutura e á estética dos nomes, prestando atención á súa resonancia nas distintas culturas. Querían dar e deron co nome máis bonito do mundo, “máis bonito que un san Luís”. Zayn é un nome global, de alí e de calquera outra parte, tamén de aquí. É de orixe árabe e significa: fermoso e belo. Que bonito!
O Instituto Nacional de Estatística (INE) indica que en España, en 2023, había 54 persoas rexistradas co nome de Zayn. Non sabemos se son moitas ou poucas, pero todo parece indicar que nos vindeiros anos aumentará considerablemente este número. Vostede, como se chama? –Eu, Manolo, dixo o veciño do terceiro, o que está por debaixo de Martín, no mesmo andar que Hugo. –Son Manolo da Serreira e, respecto aos nomes, quero dicir algo: O importante de cada un, dos milleiros de nomes guapos, é quen o leva, pero se o nome fai un corpo harmónico cos apelidos do seu portador, poida que se agrande a súa fermosura, tanto como a fermosura túa.
O nome ou os nomes dos distintos integrantes da sociedade son bens patrimoniais e simbólicos que debemos coidar e respectar, son sinais de identidade e o seu coñecemento e estudo pode indicar de onde vimos, quen somos e, como dia a Tía Manuela, “a onde chegaremos”. Exactamente, o nome axuda á identidade e convértese no símbolo dos camiñantes, aínda que teñan que cruzar fronteira.