Diríxome a vostede, como primeiro responsábel da Construción do Monumento ás Vítimas do Franquismo de Ferrolterra, con moito interese para conseguir vermos inaugurada esta obra en marzo, antes do plebiscito das municipais en maio vindeiro. Xa vai para tres anos que Vicente Couce, in memoriam sen o soño cumprido, e máis o que subscribe, presentámoslle, seguindo os requisitos do Concello, a solicitude dunha entrevista para trwtar o tema do Monumento ás Vítimas do franquismo, recibimos a calada por resposta. Outras peticións polo mesmo camiño tiveron o mesmo resultado. Sabemos o moito traballo que supón o cargo de alcalde, e para máis atranco coincidiu coa Covid-19, mais esta actitude considerámola, perdoe esta apreciación persoal, algo desconsiderada cos cidadáns. Mais tarde a Comisión Pro Memorial das Vítimas, apoiada sempre polo BNG e FeC, celebrou con grande emoción a primeira homenaxe ás vítimas na praza do Concello proclamando os nomes e apelidos dos asasinados colocando despois, a pancarta deses nomes no balcón, sendo retirada ás poucas horas con grande sorpresa e tristeza da Comisión, quedando a pregunta: por que esta retirada da pancarta tan merecida por parte das nosas vítimas e tan vilipendiadas ao longo de tantos anos?. Era xuño do 2021.Despois de presentar unha moción co mesmo obxectivo aprobada no Pleno, e de elixir o escultor Patinha, ao ver que a construción do Monumento non tiraba para diante esta Comisión denunciou o desleixo do goberno do Concello. Todo isto, poren, víñao aliviar o bo facer da concelleira Eva Martínez coa creación da Mesa composta da presencia da Asociación da Memoria Histórica, os partidos políticos e a Comisión Promemorial. Si ben é certo que solucionou o tema da Listaxe das Vítimas polos historiadores Xosé Suárez e Bernardo Maiz, Manuel Pita e Fernando Ocampo, e algún enredo legal. A continuación o de sempre. Pasa o tempo e aí atascouse, e pasou máis dun ano sen chegar a solución do Monumento que, como prometera, estaría erguido no ano pasado de 2022. O venres, día 3 dos correntes, xurde a grata sorpresa da concesión, por fin, da entrevista tantas veces solicitada. Xa todo arranxado, pensei. Poren, vostede ese día só nos di que vai ver a estrutura artística do Monumento armada xa polo escultor Patinha, presentada nun almacén, “pois non a ía levar para a miña casa” -dinos vostede. Unha casa, Sr. Alcalde, non se empeza polo tellado. Si, moi ben, a estrutura artística está feita, magnífica!. Poren. despois de tempo e tempo, a BASE, que literalmente e en sentido figurado é fun-da-men-tal de toda obra, pois esa aínda está en estudo polos técnicos do Concello!