A historia case sempre non é como foi senón como nola contaron. Se soubésemos toda a verdade, o mesmo non nos simpatizarían tanto certos personaxes. Fomos afeitos dende séculos a comungar con rodas de muíño, e así nos vai. Por exemplo, hoxe seguimos a chamar “campechano” a quen nola meteu dobrada. E é que de casta lle vén ao galgo.
Vaiamos un pouco atrás, aló pola primeira metade do século XIX, na que houbo un rei nefasto, un Borbón chamado Fernando VII cuxa cuarta esposa foi una señora que respondía ao nome de María Cristina de Borbón-Dos Sicilias, aí queda iso! Por certo, sobriña do rei. Desta señora, no instituto, non nos dicían máis que era a esposa do rei e nai de Isabel II, pero era algo máis: foi a maior usurpadora que dou o Reino e só pensaba en encher as súas faldriqueiras a conta dun pobo submiso e entregado aos seus desmáns logo da morte do seu impresentable esposo cando se fixo coa rexencia, pois a súa filla Isabel tan só tiña tres anos. A partir de aí o asunto foi coller de onde viñera, esquilmando por onde puidera, comisionista de todo o habido e por haber: unha auténtica depredadora do diñeiro público. Levouno todo e máis que houbera. Era o seu negocio, así de claro. Foi avoa de Alfonso XII e, seguindo a tirar da árbore xenealóxica, chegamos a Juan Carlos I e ao actual rei Felipe VI. Os reis non tiñan responsabilidades e seguen sen telas, non tiñan nin teñen por que render contas dos seus actos diante dun pobo que neste aspecto se pode considerar aldraxado, menosprezado. Colle o diñeiro e corre! Semella ser o lema empregado. María Cristina colleuno e foise con el ao exilio ben forrada e Juan Carlos I puxo terra polo medio cara a Abu Dabi. Niso tal para cal como mandan os canons da estirpe.
Dicía aquela canción: “María Cristina me quiere gobernar/ y yo le sigo, le sigo la corriente...”. O caso é que lle seguimos tanto a corrente que nos deixou co posto, coas arcas do Estado baleiras. O anacronismo da monarquía como institución resulta evidente e o denodado intento de lavar a imaxe enturbada polo irregular comportamento de reis e raíñas, unha palpábel realidade. Os reis e raíñas son seres humanos que non están tocados pola vara máxica da providencia e, coma todos nós, teñen as súas luces e sombras. Non estaría de máis poñer un pouco máis de luz na escuridade da historia, sermos máis cidadáns e menos vasalos, tratar que o rei sexa responsable dos seus actos e ter un xefe do Estado por vontade popular non por dereito de bragueta. Pero o mesmo iso é pedir demasiado, non si?