Dereitos e deberes, lei da selva

O atentado contra Trump, que deixou un morto e dous feridos graves, así como un pequena ferida na orella ao candidato á presidencia polos “republicanos”, fortalece a idea de que as eleccións xa están decididas ao seu favor. Máxime cando Biden non deixa de amosar  limitacións persoais para seguir nun posto de tanta relevancia. O atentado como é lóxico foi repudiado por numerosos países, mesmo que manteñen políticas antagónicas cos Estados Unidos, porén ademais deixa en evidencia eivas de seguridade e ate onde chega socialmente a confrontación política interna na potencia norteamericana. Unha polarización que abrangue non só aos republicanos, como sempre se dixo, senón tamén unha parte da base dos demócratas. 
Esta está alentada tanto polo tipo de relato de Trump, como polo axer na política externa de Biden, tensionando ao máximo o enfrontamento con outros países cando esixen se respecte súa soberanía.
Este perigoso medre da violencia verbal, da normalización da lei da selva e da solución individual é propia das películas do “far west”. 


Estas tan populares durante as décadas de auxe dos Estados Unidos posteriores á 2ª Guerra Mundial, estaban combinadas con aquelas nas que se mitificaba a familia da clase media, con chalé e coche, e que formaron parte da fotografa exterior do modo de vida idealizado pola sociedade norteamericana. Unha combinación de etapas, de formas de vida, que aínda hoxe están presentes no subconsciente colectivo, como amosa o número de armas en mans de civís, a proporción de persoas na cadea, e unha visión idealizada do “pais das oportunidades”. 


Unha dualidade, cuxa combinación é cada vez menos de real neste inmenso e complexo país,  máxime cando aumentou tanto a desigualdade e precariedade social, e adquiriu tanta importancia na economía o complexo industrial militar, as novas tecnoloxías da comunicación,... a concentración da riqueza e do poder. En poucas palabras, o intento de asasinato de Trump non é un dato anecdótico, amosa en estremo as contradicións sociais e políticas da aínda maior potencia, e as dificultades que ten, tanto económicas como de modelo social, para desenvolver un proxecto para toda a sociedade e que acepte un mundo multipolar, a diversidade, os límites ecolóxicos, demográficos, de mobilidade, asi como a resolución dialogada das diverxencias. Ou sexa: todo o contrario das películas do “far west”, da mitificación do individualismo e da liberdade ilimitada. 


Nunha sociedade democrática deberes e dereitos están asociados, forman parte do mesmo paquete.

Dereitos e deberes, lei da selva

Te puede interesar