Diverxencias

Se cadra, a mellor maneira de comezar estas liñas sexa deixando constancia de que, hai case un mes, cando lin a nova no noso Diario, non me parecera mala idea a decisión que tomaran os responsables do Racing de construír a cidade deportiva do club na Carreira.

 

Os terreos militares, hoxe sen uso, onde estivo unha estación de radio, parecíanme -e séguenme parecendo- do máis idóneos para o uso que se lles vai dar: son moi planos -o que, sen dúbida, aforra moita obra de acondicionamento- e están moi ben situados, a catro pasos do centro de Ferrol. Desde logo, nisto da proximidade, son moito mellores que os que, por poñer un exemplo ben cercano, ten o Deportivo en Abegondo. É por iso, que naquel momento nin se me pasou pola cabeza que puidese orixinarse calquera tipo de controversia polo feito de estaren fóra dos límites do noso concello. Mais estou a ver que me equivoquei. Cantos problemas non trouxeron os marcos...

 

Alegrárame aquela noticia porque sabía que o da cidade deportiva era unha das cuestións polas que debecía Pepe Criado, grande amigo de hai máis de 60 anos –xuntos estudamos no Instituto, compartimos cuarto de pensión e, logo, piso de estudantes en Santiago, temos regulares xantares de amigos de vello... e somos racinguistas desde a tenra infancia–.

 

Non ía ser el o comandante do navío que atopara a terra, mais o feito de achala ía xustificar as horas e horas investidas na empresa de conseguir a arribada. Pouco antes de deixar a presidencia, entrando para un partido, comentárame que xa estaba feito e mesmo, cun non o comentes polo medio, me deu a ubicación, que non era esta de agora. Mais Pepe xubilouse, foi pasando o tempo e, polo que trascendeu, pouco se avanzou no tema.

 

E a paciencia, como todo o mundo sabe, ten un límite e unha das partes acabou procurando unha solución. Que a min, insisto, non me semellou mala. Por máis que miro, non vexo por parte ningunha ese desprezo que ven algúns en que unha parte das dependencias do Racing esteñan en concellos veciños, porque a sede do club vai estar en Ferrol. Non vai pasar nada. Nin sequera se vai dar o caso aquel do Espanyol de Cornellá, que, ironicamente, dixera Piqué, cando ese club barcelonés inaugurou o seu RCDE Stadium, porque o Racing vai seguir xogando na Malata, que é Ferrol.

 

Malia que, polo meu traballo e por outros motivos, levo vinculado á Coruña desde 1975 –van aló 50 anos–, considérome moi ferrolán e, como xa dixen, racinguista. “Son de Ferrol Vello e tamén do Muelle” -como di unha camiseta que adoito lucir con orgullo polo mundo adiante-, mais, como non podía ser doutra maneira, tamén teño un aquel de coruñés. Se cadra é por iso –e porque me considero cidadán do mundo– non me pareceu nin oportuno nin atinado que a corporación municipal se referise ás persoas do grupo accionarial maioritario como “xente de fóra”. Máxime esquecendo que no seu seo ten “xente de fóra” -sen ir máis lonxe, o propio concelleiro de Deportes, o Sr. Aldrey-, e non vexo eu que tal circunstancia teña que afectar ao maior rendemento no traballo á fronte dun concello, dun club ou do que for.

 

O concello sabe que sen medios económicos non hai equipo que resista e o accionariado maioritario sabe tamén que sen o apoio da xente no campo tampouco hai equipo que aguante. Xa que logo...

Diverxencias

Te puede interesar