As cidades deben ser para a súa cidadanía. Un lugar para vivir e convivir. Un refuxio e unha fiestra de oportunidades, en liña con iso que se di das “cidades saudables” e aquelo dos famosos “quince minutos”, ese marco temporal na que unha persoa debera poder desenvolver a súa vida.
Pero, tamén para iso son necesarios eses pequenos negocios de proximidade. Verdadeiras empresas tractoras dende o punto de vista social, onde quizais o máis salientable son a súa capacidade de resiliencia, fronte á globalización que deshumaniza os barrios, provoca a xentrificación e fainos estraños na nosa propia cidade.
A tenda de Erika na Magdalena é unha referencia neste senso. Segue a tradición daquelas tendas de toda a vida e, ao mesmo tempo, é un motor da vida cidadá do barrio. Xunto á calidade dos seus produtos e esa atención personalizada que requirimos todas as persoas. A maiores, ten un escaparate que marca as diversas temporadas e festas gastronómicas, agora ocupado por todos eses ingredientes necesarios para un bo cocido galego. Así, traspasando a súa porta, entramos nun mundo de sabores gastronómicos. Testemuñas directas son esas colas de persoas que, en máis dunha ocasión, fanse neste tramo da rúa.