Os medios comezan a ofrecer as primeiras imaxes de persoas que están a morrer na Franxa de Gaza por carencia de alimentación, en principio a maior parte nenos e nenas, mais a medida que vaia pasando o tempo todo indica que abranguerá a persoas de toda idade e de xeito masivo. Que isto suceda era sabido, unha consecuencia lóxica, dende que comezaron os bombardeos de exército israelí en outubro do ano pasado, de que non entran alimentos abondo para cubrir o consumo da povoación. Daquela, a medida que se foron esgotando as reservas, mesmo cun consumo de mínimos, de fame, o paso do tempo converteuse nun arma letal.
A gravidade da situación é recoñecida pola Nacións Unidas que: “seguen pedindo un cesamento do fogo inmediato, a liberación de todos os reféns, a protección dos civís e o acceso total á axuda humanitaria de urxencia que agarda nas fronteiras. Os civís, especialmente mulleres e nenos, levaron a peor parte de medio ano de violencia, con máis de 32.000 mortos e máis de 75.000 feridos. Máis dun millón enfróntanse a fame catastrófica; Moitos dos que estaban nas situacións máis vulnerables xa morreron por falta de alimentos”.
E todo isto non se pode obviar, é coñecido de primeira man polo Goberno israelí, que malia gravidade da situación aumenta a presión militar sobre Gaza, mesmo sobre aquelas zonas que aconsellou para que servisen de “refuxio” á povoación civil, das áreas que primeiro foron bombardeadas e ocupadas. Polo que a esta altura pódese dicir que toda a Franxa é zona de operación militar e bombardeos. Está acontecendo un verdadeiro xenocidio que conta coa complicidade de Estados Unidos (e aliados en distinto grao), que bloquean todas as resolucións da ONU a prol do alto o fogo no Consello de Seguridade, malia algún xesto para deter a masacre, que non interrompe no substancial o envío de armamento e municións.
A represión, aínda que é mais notábel na Franxa de Gaza tamén se estende á Cisxordania, neste caso con todo tipo de agresións, por parte dos “colonos”, para se apropiar das terras dos palestinos. Así como de detencións arbitrarias do exército, daquela que existan unhas 9.500 persoas nas cárceres israelís, mesmo de menores de idade, e sexan numerosas as mortes de detidos/as. Un panorama desolador que ten como única saída humanitaria o alto ao fogo, o recoñecemento do Estado Palestino, a reconstrución con axuda internacional das zonas destruídas, e a garantía de que Israel vai cumprir os acordos pactados (algo que até agora nunca fixo). Non se pode impoñer a lei da selva.