Incumprimentos

De cando en veces, os xornais traen algunha alegría, pois non todo van ser guerras, desgrazas, pandemias, inundacións ou volcáns estoupando. Desta volta, a ledicia ven da man do PP ferrolán, denunciando o incumprimento polo Concello, de mocións plenarias aprobadas. Pois xa era hora!! Porque eu lémbrome dun feixe de incumprimentos dese tipo, por parte de políticos do Partido Popular, algúns acordos tan importantes como desfacer dúas Comisións Institucionais, acordadas por unanimidade, para a venta das “Casas Baratas” aos seus adxudicatarios legais e, na segunda delas, rachando ademais o contrato firmado coa empresa taxadora, coa metade do choio feito. Claro que agora poderán dicir aquilo de: “Eses políticos dos que vostede fala, xa non están no Concello, salvo algún teimudo inimigo, con odio persoal aos veciños”. En calquera caso, a noticia pode querer indicar unha aproximación do PP á máis elemental democracia, o que debería nos aledar a todos. E xa que logo, tamén pode ser unha pequena lección para aqueles partidos que, estando na oposición, permitíronlle ao PP todas aquelas falcatruadas, sen dicir nin chío. Porque o que cala outorga. E seica que a estafa que o Concello lles fixo (e fai) aos veciños, é un oso moi duro de roer para aos delicados dentes dos políticos ferroláns. E, de calquera xeito, cando eu acuso ao Concello de estafa, e ninguén me resposta, por algo será. Claro que sempre lles queda a solución de dicir que estou tolo. Non é?

Incumprimentos

Te puede interesar