Lúa de novembro

A nomeada Lúa de Novembro, tamén chamada Lúa de Castor, preséntase coma un espello cósmico, con forte simbolismo que nos invita a reflexionar sobre a nosa relación co mundo natural e a maneira na que respondemos ás emerxencias climáticas. Inspirados polo comportamento dos castores, que nesta época do ano redobran os seus esforzos na construción de represas e na acumulación de alimentos para o inverno, somos confrontados coa nosa propia capacidade; mellor dito, a frecuente falta dela, para planificar e actuar colectivamente ante as crises que nos ameazan.  


Os castores, especie reintroducida no ecosistema natural galego trala extinción, son un exemplo de previsión e cooperación. Organizan o seu ecosistema cunha precisión admirable, convertendo os ríos en espazos de estabilidade onde sobrevivir ás inclemencias do inverno. Modelo ben diferente ao comportamento humano nas recentes emerxencias climáticas, onde predominan a improvisación e a falta de planificación. As inundacións, incendios forestais e secas que vimos nos últimos anos amosan que continúamos carecendo de procedementos claros e dunha socialización efectiva das ferramentas para afrontar o impacto. A lóxica individualista do “sálvese quen poida” aínda prevalece, debilitando a imprescindíbel capacidade de resposta colectiva. Algo que debe mudar con urxencia.


A figura da Lúa de Castor lévanos a considerar a importancia da anticipación e da organización a longo prazo. A súa luz, máis brillante e próxima nesta última grande lúa do ano, fai un chamamento metafórico á claridade de pensamento. Contamos co coñecemento científico e os recursos tecnolóxicos necesarios para mitigar os efectos do cambio climático, pero a súa posta na práctica require un nivel de cooperación e vontade política que hoxe semellan fráxiles. Os castores, sen tratados, papeis nin conferencias, entenden instintivamente que o seu destino depende do traballo conxunto. Pola contra, nós, os chamados seres racionais, seguimos adiando accións urxentes.  


Esta lúa tamén peta na nosa porta. Así como os castores transforman os seus ecosistemas de maneira sustentable, debemos aprender a vernos como parte dun mesmo sistema interdependente. O cambio climático non é un problema illado, senón unha rede de causas e consecuencias que afecta a todos os aspectos da vida humana. Adaptarnos a este reto esixe un cambio de paradigma, onde a prevención sexa prioritaria e a socialización das solucións un obxectivo inescusable.  


Baixo a Lúa de Novembro, o contraste entre a previsión dos castores e a manifesta torpeza dos gobernos e institucións humanas para organizar respostas climáticas é reclamo para mover políticas acaídas aos perigos, presentes e aínda peores no futuro. Asumir a lección desta lúa e traballar sen demora para construír un futuro máis estable nun planeta habitábel. Se seguimos pola vía da improvisación, a luz da mensaxe luar pode converterse no reflexo dunha oportunidade perdida.

Lúa de novembro

Te puede interesar