Na ourela da normalidade

Estaba na ourela da normalidade, no extremo, na esquina, na mesma marxe do precipicio, da barranca da anormalidade, xunto do abismo. E alá segue agardando que escampe. Mira para arriba e para abaixo, para a dereita e para a esquerda e todo o que ve e sente é medo. Agárrase á varanda, aperta as mans, encolle o peito e o seu corazón acelérase a máis de mil por hora. Non entibia nada. A dor polos mortos e polas perdas, ao contrario, agrándase e medra.


Na ourela da normalidade non se pode falar, nin parar; o perigo acosa e a miseria espállase á mesma velocidade que se agrandan as correntes de lodo, esas que carrexan miseria e producen indefensión na xente que vive do seu traballo. En Valencia foi moito e aquí, en calquera outra parte, tamén. Uns falan, prometen e viaxan mentres outros aguantan, miran e dóense do que pasa, dos que sofren caladamente, dos que non poden facer nada e teñen que, obrigatoriamente, rabiar con irritacións na súa propia conciencia.


Miseria política, dialéctica, organizativa e comunicativa, con fango e con lodo nas bocas abertas e faladoras. Miseria económica e perda de valores, de reflexos, de comprensión e, máis aínda, perda de familiares e amigos, de bens, de lembranzas e de miradas. Neste momento, cómpre pensar naqueles que o perderon todo, todo o que tiñan. Incluso os que non tiñan nada, perdérono todo.


No entanto, os políticos seguen ao seu (hai quen di que sempre o fixeron), manteñen o ritmo e abonan os improperios, para ofender canto máis mellor e se é a moitos, mellor aínda. O pobo está doído, nesta ocasión, máis ca nunca e ninguén sabe como curar as cruentas feridas sanguentas. Ninguén sabe de onde veñen. Se alguén de vostedes, amigas e amigos lectores, pode achegar algunha luz indicativa, fágano, dígano coa súa propia voz, como se entoaran unha das cantigas que iluminan o futuro. 


Que ninguén defenda, por favor, que o zorro sexa o gardián do poleiro. Efectivamente, hai que procurar que non sexan os ladróns os que vixían aos que rouban. Hai moito que facer para conseguir que a sociedade, e cada un dos seus integrantes, sexa libre, aínda que só sexa, como dicía Uxío Novoneyra, “libre pra servir”, “libre pra non ser” ou “libre pra morrer”.


Co lodo nos pés, na cara, nos ollos, na lingua ou na alma, non se pode ser libre para falar nin para soportar o silencio. Se a xente berra, que berre. Que esixa respecto, traballo e salario, dignidade e comprensión na acción, na ourela e no centro da normalidade mesma. 

Na ourela da normalidade

Te puede interesar