O pasado martes 16 rematou unha parte apaixonante deste concurso, con millóns de seareiros enganchados, que enfrontou durante moitos meses a Orestes e a Rafa. Gañou Rafa contra todo prognóstico completando un rosco impecable nunha soa xeira. Meus parabéns para el.
Orestes despois de participar o dobre de veces que o seu contrincante e de innumerábeis cadeiras azuis, quedou perplexo ou como se soe dicir, a velas vir.
Se analizamos ben a cousa, eu que por suposto non coñezo o regulamento do concurso, si é que existe, penso que aquí houbo un erro importante con clara desvantaxe para Orestes. Faltoulle sua, chamemos, quenda de réplica á que tiña dereito, que o podería levar ao empate, pouco probable pero non imposible. Neste caso cal sería o resultado final, ¿repartirían os cartos? ¿Ou continuaría o concurso ata acadar un gañador final?. ¿Estaban previstas estas continxencias?
Levo moito tempo seguindo puntualmente este entretido programa e teño que dicir que dende o primeiro dia pensei que as probas parciais deberían ser as mesmas para ambos concursantes. Mesmo o rosco final debería ser común para ámbolos dous que, ao meu xuízo, terían que facer de xeito simultáneo e en directo. Isto daríalle máis emoción se cabe, evitaría o erro cometido e mesmo as sospeitas de favoritismos das que tanto se ten falado.
Anque a miña é unha opinión persoal, seica hai miles de seareiros en desacordo co desenlace no fondo e na forma, chegando a pedir incluso unha repetición da rolda final. Eu non vou tan lonxe porque o resultado é inamovible pero penso que, a touro pasado, sería interesante e incluso de xustiza que A3 nos fixera o galano dun programa extraordinario, que eu chamaría de consolación e mesmo de confirmación, onde Orestes poidera defender o rosco que se lle negou, o que en boa lei lle houbera correspondido se non se adiantase Rafa completando o seu. Non cabe dúbida de que sería emocionante e, fora o resultado, serviría de conformidade para todos dándolle máis valor ao triunfo acadado.
Como o concurso segue adiante, anque con novos protagonistas, aquí deixo estes comentarios por si os responsables del teñen a ben telos en conta.