Paz

O motivo destas letras é a miña preocupación pola paz no mundo en xeral e por ende en España, o meu país, dobremente vulnerable pola súa situación estratéxica. Eu ben sei que me repito a miúdo, pero desta volta a causa está xustificada, está en xogo a paz no mundo, e con ela non se xoga.
 

Un non rotundo ao envío de tanques ou calquera outro tipo de armas a Ucrania. Un erro da diplomacia por defecto, que pode pagar moi caro o mundo enteiro. Tal como está a cousa, paréceme unha provocación, máis de trinta países, contra Rusia. A intención final da OTAN debería ser a paz, así con maiúsculas. Esta guerra de Ucrania non a vai gañar ninguén, estámola a perder todos; tódolos días. Rusia, pola súa parte, non parece moi afectada pola decisión tomada, ameazando con queimar os carros de combate, disque como xa fixeron con outros.
 

Facilitarlle armas a Ucrania, detrás de cuxa decisión está a OTAN, é atiza-lo lume, poñendo en perigo a situación mundial. Dialogo é o que fai falta, ata chegar a unha solución de compromiso, rematando o disparate no que estamos metidos, uns e outros. Pensemos na cantidade de perdas que se aforrarían tanto en vidas humanas como económicas, e sobre todo, pensemos nos nenos, vítimas inocentes e impotentes, ante unha situación que os supera. ¡Algún día pedirán contas por elo!. Consideren asemade as partes a posibilidade dunha terceira guerra mundial, o que significaría un retroceso de séculos na civilización da humanidade, cando non, a súa desaparición.
 

A polémica está servida, analicen uns e outros, o problema cunha meta imprescindible e irrenunciable que é a paz no mundo. Señores Putin, Zelenski e a mesma OTAN, moreas de sentido común, por favor!
 

Estamos todos, o mundo enteiro, metidos nun círculo vicioso,”uns por outros e a casa sen varrer”. 
 

Á OTAN, pola súa condición de mediador, correspóndelle a responsabilidade e a iniciativa de rompelo, pero os incendios non se apagan con lume. Xa vai sendo moita hora de presentar unha solución diplomática, firme, duradeira e acordada por ambos bandos onde se conxugue claramente por riba de calquera outra consideración, a verba paz.

Paz

Te puede interesar