O pasado sábado, cunha antelación un bocadiño superior á habitual, encamiñeime ao meu café-bar de referencia, ao que acudo case a diario para meterlle un algo, onde me cito con amigos para conversar ou no que vexo os partidos que me interesan, os do Racing e os do Barça moi principalmente. Sospeitaba que a visita do FC Barcelona ao Bernabeu suscitaba grande expectación, aínda maior que noutras ocasións. Á parte da importancia dos tres puntos, tratábase de ver se o fulgurante comezo de liga do conxunto catalán –só un absurdo tropezo co Osasuna– se debía a unha efectiva superioridade sobre o resto ou a un aquel de sorte transitoria.
A vitoria de tres días antes fronte o Bayern –non tan cómoda como o resultado pode dar a entender– contribuía a insistir na pregunta de canto había de robustez e cando de sorte. Ao meu entender forza hai abonda, mais desta volta acompañada dese necesario mínimo de fortuna. En calquera caso, que o Barça lle gañase ao Bayern non foi cuestión de sorte e, menos aínda, que o azar fose determinante na derrota do Real Madrid. En ambos os partidos o Barcelona foi superior. Como o equipo capitalino había poucos días que lle remontara un 2-0 ao Borussia Dortmund, e non era a primeira vez que iso de virar un resultado acontecía, tanto os xogadores como os siareiros do club madrileño non mostraron a preocupación que apareceu cando encaixaron o terceiro gol.
Aí empezaron a aparecer os malos modos, tanto no céspede, como nas bancadas. Nesa altura comezaron as agresións verbais, nomeadamente de carácter racista, a futbolistas do Barça por parte de sectores da torcida madridista. Curiosamente, foi Lamine Yamal –autor do terceiro tanto– o branco principal desa sarta de memeces. Insultarano igual cando xoga coa selección española? Sería un auténtico dislate en público tan patriota.
No terreo de xogo, cando xa estaba todo perdido, tamén se puido ver algún que outro comportamento pouco acorde tanto coa grandeza do partido, como desa da que tanto se gaba o club madrileño. Actuacións, desde logo, nada acordes coa letra do primeiro dos seus himnos, ese que aínda se escoita ao remate dos partidos no Bernabeu: “Enemigo en la contienda / Cuando pierde da la mano/ Sin envidias ni rencores/ Como bueno y fiel hermano [...] ¡Hala Madrid!/ ¡Hala Madrid!/ Noble y bélico adalid/ Caballero del honor”.
Exemplo claro de mal perder é o que lle soltou Vinicius Jr. a Gavi, cando, no transcurso do desencontro que tiveron na disputa dun balón, este lle mostrou catro dedos, alusivos aos goles marcados. O brasileiro lembroulle que o luns iría a París recoller o Balón de Ouro. Que tiña que ver iso con que o seu equipo estivese perdendo 4-0? Perdemos 4-0, pero eu son o mellor do mundo. Menuda parvada.
Aínda que o mellor de todo foi que non lle concederon esa distinción, decisión coa que estou de acordo. Para min non é, nin de lonxe, o mellor xogador do mundo. Nin creo que chegue a selo. É moi bo xogador, mais aí se queda. E socialmente non ten defensa posible. Nin el, nin o seu club. O feito de non ir a París por non ter conseguido o premio non concorda con nobres adalides nin con cabaleiros do honor. Aseméllase máis a unha pataleta infantil que a outra cousa. E aos nenos caprichosos non lles dan balóns de ouro.