Prezos dispara (ta) dos

A cousa está que non sabemos onde imos parar, ou si, quizá a unha recesión de mil estalos. E eu pregúntome se dalgún xeito poderemos poñeren control a este desatino que estamos vivindo dun tempo a esta parte. Dicir que todo isto da suba dos prezos nos produtos de primeira necesidade é consecuencia dunha guerra que temos as portas de Europa pode que sexa certo a medias o que quer dicir que tal vez non sexa certo de todo.


Imos ver: din que no ano 2008 o barril de petróleo chegou ao seu prezo histórico (140 dólares) en plena crises financeira. Así e todo a gasolina estaba a 1,29 € o litro. Hoxe o barril de cru está a 123 € e o litro de gasolina a 2,09 € : a materia prima máis barata e o produto final moito máis caro. E todo isto, segundo din os expertos, débese en parte aos impostos que subiron, que tamén, pero a realidade é que sobre todo son os marxes das empresas os que nos levaron a este disparate. Isto pódese aplicar por suposto ao prezo do gasóleo que tamén anda por enriba dos dous euros e...xa estamos na “tormenta perfecta”. E todo isto ten que ver coa guerra ruso-ucraína? Algúns estanse a poñeren as botas con esta guerra á porta de Europa.


Parece haber unha relación directa entre a suba do prezo dos combustibles de automoción e a de outros produtos de consumo como son os de alimentación, din que de primeira necesidade porque os seres humanos aínda non perdemos a costume de comeren todos os días. Resulta difícil entender como, por exemplo, o prezo do quilo de sandía está agora a máis de dos euros cando en orixe págase a 0,70 céntimos. Xustifícano coa pouca produción, culpan a climatoloxía e a un sen fin de causas a maiores entre as que destacan, como non, os combustibles e aquí conectamos de novo coa guerra á porta de Europa.


Á cidadanía de a pe tócanos estar a velas vir sen outra alternativa que non sexa esa de “ajo y augua”, de pagar e sufrir as consecuencias e de comulgar con rodas de muíño. Observamos as ganancias case inmorais das “eléctricas”, as plusvalías multimillonarias dos bancos, os dividendos astronómicos doutras empresas, incluso dentro da pandemia publicados nos medios, namentres a pobreza crece cada día  no noso país. Aqueles que perciben un salario de varios miles de euros repiten ata a saciedade que subiren un pouco máis o salario mínimo podería levar o pais á ruína definitiva.


De xeonllos, diante do altar da ignominia, entornamos os ollos e abrimos ben a boca para que, piadosos e submisos, traguemos ben a roda do muíño coa que imos comulgar unha vez máis.

 

Prezos dispara (ta) dos

Te puede interesar