Pudor

Teño que agradecerlles que se acheguen para dicirme o que opinan das miñas “Letras de cambio”.


Polo que parece, tanto “O espello roto” como “Turismo de masas” tiveron algún que outro lector ou lectora.


Outras veces, no pasado, atopei-me con xente que dicía que seguía o que eu escribo (un nunca sabe que repercusión pode ter, se é que existe tal). Teño que dicirlles que cada vez que isto pasa o pudor é a miña primeira resposta instintiva. Son consciente das miñas propias limitacións. Mais, como dicía Umberto Eco que hai unha infinidade de lecturas posibles, sempre teño a dúbida de acertar ou non co expresado.


A linguaxe non é un medio de comunicación entre moitos. É a base de toda a comunicación, é dicir, o fundamento mesmo da cultura en sentido amplo.


Así, pretendo ser xusto e transparente, pero ás veces erro ou, simplemente, cada quen entende as cousas en función da súa propia experiencia vital, se deixo indebidamente aberta algunha fiestra.


O privilexio de escribir e verte publicado leva de seu un feixe de responsabilidades. Comezando pola confianza que depositan en ti o Diario de Ferrol e os propios lectores do xornal. Talvez por iso penso que cada frase pódoa escribir mellor.

Pudor

Te puede interesar