Ten problemas económicos o meu Concello?

Pois en realidade polo que se ve se non é así paréceo. Non hai moito o grupo de goberno meteu nas caixas de correos das casas da vila un folleto que trataba de dar explicacións á situación actual das finanzas apuntando á  oposición como causante de que as cousas non vaian mellor, pois segundo se lía no opúsculo non facían máis que negarse a todo nos plenos. Tamén se dicía nesa escrita que a empresa Reganosa outrora ingresaba nas arcas municipais uns cincocentos mil euros  en concepto de IAE e que arestora apenas chegaba a vinte mil. E a pregunta que esta situación suscita é: Por que? A que se debe ese desfase? A cidadanía ten dereito a sabelo porque así evítanse as conxecturas ligadas ao descoñecemento da causa.

 

E todo isto, claro, ten que ver ca xestión dos presupostos que implica á totalidade dos gastos e ingresos do Concello, e unha boa xestión consiste no equilibrio entre ambos os dous. Disimulen a simpleza do argumento pero é algo de sentido común. Se en calquera economía gastas máis do que ingresas, malo. E avinzar os presupostos  resulta fundamental. Non facelo significa prorrogar os anteriores, cousa que frea calquera iniciativa innovadora no que concirne a posibles inversións que redunden  na mellora da vida da veciñanza da vila ao que tamén contribúe poñer ao día os impostos.

 

E en teoría a política tiña que servir para arranxar estas cousas, e digo en teoría porque na practica o asunto semella non ser tan sinxelo. A palabra e o consenso son pezas fundamentais para o bo desenvolvemento da gobernabilidade onde os intereses xerais deben primar sobre os particulares, o ben da cidadanía por riba da comenencia dos partidos. Pero a cousa non é doada cando o partido que goberna cre ter a chave das solucións e a oposición a opción a que a chave non entre na pechadura. Así as cousas, uns por outros e a casa sen varrer. Evidentemente se aceptamos a premisa de que gobernar non é doado, moito menos doado será facelo en condicións de desencontro constante. Os que gobernan e os que se opoñen ao goberno dos gobernantes están suxeitos a un traballo que non é sinxelo. Non é o mesmo arranxar os problemas dende o bar (ao que somos moi afeccionados) onde ao pé da barra resulta moi fácil buscar solucións a calquera problemática, que verse lidando con elas. Iso pode servir de desafogo pero non leva a ningunha solución práctica. Eu que estou vendo isto dende a grada, deséxolle eficacia ao goberno e ánimo e sentidiño á oposición para que, malia exercer unha importante función fiscalizadora, axude a que a cousa funcione con xeito polo ben de todos. A ver. 

Ten problemas económicos o meu Concello?

Te puede interesar

Julia María Dopico Vale
Enrique Barrera Beitia
Julia María Dopico Vale
Enrique Barrera Beitia