En torno ao Museo da Cidade

Veño de ler con indignación tanto a resposta do portavoz municipal de Ferrol en Común sobre certas “partidas abstractas”, dentro dos presupostos que vai presentar o PP, e nos que se inclúe a cantidade de 200.000 euros reservados para o Museo da Cidade; como a manifestación do PSOE que descalifica ese futuro investimento como “inversión innecesaria en lugar de actuaciones en los contenedores culturales existentes”.


Facendo un pouco de historia teño que recordalles a eses representantes municipais que con data do 11 de febreiro de 2016, Juan José Burgoa e quen esto escribe, presentamos no Rexistro do Concello unha “Declaración en prol dun Museo da Cidade de Ferrol”, asinada por dezaseis sociedades, que representaban a maoiría do tecido cultural. Foi tal o “interese” por coñecer esa “proposta concreta” do grupo municipal de Ferrol en Común, que daquela presidía o goberno municipal, e dos restos dos grupos políticos que formaban parte da Corporación, incluído o PP, que a día de hoxe aínda estamos agardando unha resposta. O silenzo vergonzante ante ese esforzo colectivo que fixéramos para consensuar esa devandita Declaración foi o único que obtivemos.


Logo chegou o tempo da exitosa mostra expositiva de Ferrol no Tempo, celebrada entre os días 18 de novembro de 2022 e 28 de xaneiro de 2023, e promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Cidade da Cultura e Afundación. Foron 7.130 visitantes que pasaron pola sede da Fundación social de Abanca, entre eles xentes vidas de fóra da cidade, 1.100 escolares que se sumaron ás actividades didácticas programadas polos centros educativos, 308 as persoas que participaron nas visitas guiadas e o relatorio de 5 mulleres que nos narraron as súas vivencias relacionadas con algúns dos capítulos desta exposición. Cifras que en conxunto permiten cualificar a Ferrol no Tempo como un dos acontecementos culturais máis importantes da cidade dos últimos anos. Por certo, se entre eses centos cidadáns que se aproximaron a esa magna exposición estaban algúns dese políticos ben puideron tomar nota das máis do centenar de pezas que alí se expoñían, e que algunhas delas podían ser o xermolo do futuro Museo.


Ao calor desa entusiástica resposta dos ferroláns e dos aplausos de varios representantes políticos que se escoitaron durante a celebración dese evento, enviei con data do 16 de febreiro á secretaría da alcaldía unha solicitude, na que varios membros do Comité científico de Ferrol no Tempo, presididos por min como comisario local, queríamos presentarlle ao alcalde un documento en prol do Museo da Cidade. De novo a calada por resposta.


Ademais deses desprezos, creo que eses representantes municipais non entenden o non teñen o mínimo interese porque Ferrol, como noutras poboacións de Galicia, recupere de forma urxente unha parte do seu riquísimo patrimonio histórico. Por iso é necesario que a nova Corporación, que parece dar mostras do seu interese por esta demanda cultural, dote algún edificio emblemático do patrimonio público para albergar o Museo da Cidade. Un lugar onde gardar, expoñer e poñer en valor os obxectos e coleccións referentes á prehistoria, época castrexa, período medieval, a Ilustración e o Modernismo, os bens procedentes do Patrimonio Industrial e Comercial, a memoria obreira e a cultura do traballo, o fenómeno da emigración, os usos e costumes, a música tradicional, a relixiosidade popular e o deporte, sen esquecer as dúas rutas históricas da comarca, o Camiño Inglés, e toda a documentación relativa ao expediente do Patrimonio Mundial. É dicir, todo aquilo que forma parte dos sinais da identidade da cidade. En canto aos fondos, poden proceder das entidades oficiais, principalmente do Concello, dos depositados noutros museos fora da nosa cidade, das asociacións culturais e das doazóns e préstamos de particulares.


Ogallá que polo ben de Ferrol todos os partidos políticos que conforman a actual Corporación municipal escoiten esta demanda colectiva e sumen esforzos e aumenten o investimento público en prol do Museo da Cidade. Estou seguro que o agradeceríamos.

En torno ao Museo da Cidade

Te puede interesar