Os primeiros Entroidos da comarca retoman a tradición xa en febreiro

As festas populares celébranse este mes en Ares, Neda, Ortigueira e San Sadurniño con varias propostas
Os primeiros Entroidos da comarca retoman a tradición xa en febreiro
As comparsas en Neda actúan anualmente no pavillón municipal Ale de Paz | CEDIDA

O Entroido en Ferrolterra celébrase en datas dispares dependendo da zona, sendo pioneira a parroquia de Santa Mariña do Monte, en San Sadurniño, ao estrear o festexo nesta fin de semana. A próxima cita será a que convoca a Agrupación Instrutiva de Caamouco, en Ares, que ten prevista unha programación que inclúe propostas gastronómicas, musicais e unha festa infantil.


Un dos exemplos de actividades que precisan inscrición é o xantar que propón esta asociación da parroquia aresá, que ten o prazo aberto. Do mesmo xeito, as agrupacións que desexen participar no tradicional festival de comparsas do Concello de Neda, xa poden inscribirse.


Caamouco

A primeira xornada do Entroido na Agrupación Instrutiva de Caamouco será a comida do sábado 22, dende as 14.30 horas, que contará cun menú completo típico destas datas. Como máximo, poderán apuntarse 60 comensais, unhas prazas que se irán cubrindo por orde de inscrición a través do teléfono 616 740 205. En colaboración con Radiofusión, a partir das 17.00 actuará a comparsa fenesa Santa Compaña, que achegará as súas caractaerísticas letras retranqueiras. Despois, ás 18.00, seguirá a festa coa amenización de DJ Luiso.


O domingo 23, dende as 17.00, terá lugar o baile infantil de disfraces, no que haberá xogos e un obradoiro de pintacaras da man de La Guagua. Así mesmo, ofrecerase unha chocolatada de balde para todos os asistentes.


Neda 

Esta semana abriu o prazo para participar no festival de comparsas do Concello de Neda, o venres 28, territorio sobre o que deberá versar un dos temas que se presenten. O certame realizarase no pavillón municipal Ale de Paz, tras o tradicional desfile, que sairá ás 20.00 horas da avenida de Castelao. 


O festival contará cun máximo de nove comparsas, de 15 persoas como mínimo, e un grupo, a partir de oito persoas, que se determinará segundo a orde de inscrición. En todo caso, terán preferencia os veciños de Neda que se apunten como tal. As solicitudes realízaranse presencialmente no rexistro, de luns a venres, de 9.00 a 14.00, ou a través da sede electrónica, até as 23.59 horas do venres 14. Amais dos premios, que son diplomas que se entregarán por distintos méritos, o Concello fomenta a participación con axudas directas de 250 euros para as comparsas e de 150 para o grupo.


Ortigueira

A pesar de que a maior parte do programa de Entroido que organiza a entidade municipal de Ortigueira desenvolverase durante o mes de marzo, igual que en boa parte da comarca, a festa comeza neste mes de febreiro. O Xoves de Comadres celebrarase o día 27, a partir das 11.00 horas, da man de Aspromor, que propón animación pola Penela, a avenida Escola de Gaitas e rematar na Alameda.


San Sadurniño 

Despois da festa na ACRD Santa Mariña do Monte, o Concello organiza un programa de tarde para os máis novos, entre as 18.30 e as 20.15, e outro para o público xeral, a partir das 21.00, o venres 28. No primeiro caso, repartiranse seis premios canxeables na libraría Brétema, mentres que á noite, os sete vales destinaranse aos restaurantes do municipio.


As inscricións poderán realizarse dende o luns 17 ao xoves 27 na Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Ademais, tamén haberá posibilidade de anotarse o mesmo día, até as 18.30 horas, na carpa da praza Ramón Díaz Raña. O Entroido continuará en marzo noutras parroquias, comezando pola que organiza a AVV O Castelo de Naraío e seguindo coa da AVV Xuntanza de Lamas. 

Os primeiros Entroidos da comarca retoman a tradición xa en febreiro

Te puede interesar