A exposición fotográfica “Palabra e memoria nas parroquias de Ortigueira”, un traballo do historiador Jerónimo Martínez, inaugúrase cun acto nesta tarde de venres, ás 19.00 horas, no centro cultural A Devesana. Esta mostra antolóxica inclúe distintos epitafios escritos en galego durante medio século, de 1972 a 2024, do que se poden tirar conclusións da evolución do uso da lingua.
O cambio cultural apréciase, non só nas inscricións de recordo das sepulturas, senón tamén na redacción dos avisos necrolóxicos, os rezos do rosario, as tarxetas e fitas de ramos e coroas ou as misas, por exemplo. Ademais, unha das nomeadas conclusións desta investigación é que en cinco das parroquias de Ortigueira existen recordos escritos en linguas estranxeiras, mais ningunha en galego.
No acto de inauguración participarán, aparte do autor das fotografías e do traballo de campo, que foi realizado coa metodoloxía Modelo Burela, o profesor Bernardo Penabade, orientador da investigación, e representantes da Devesana e Terras do Ortegal. Os días 5 e 12 de outubro se reservarán para a visita dos interesados, que poderán solicitar unha cita por medio dos teléfonos 619 408 074 e 629 471 329.