Este martes celebrouse, como todos os 21 de xaneiro desde que en 1998 o Consello de Europa aprobara a recomendación sobre mediación familiar, o Día Mundial da Mediación. Hoxe en día, se ben se trata dunha ferramenta cada vez máis invocada na abordaxe de conflitos de todo tipo, existe na sociedade certo descoñecemento sobre en que consiste e que pode achegar á resolución de conflitos.
O Goberno central quere darlle un novo pulo á mediación cunha nova lei cuxo anteproxecto foi aprobado hai un ano. Con ela, sinalan desde a asociación Acción Mediación, con sede en Neda, búscase superar o modelo vixente, que se basea no seu carácter voluntario polo de “obrigatoriedade mitigada”, que insta aos litigantes a asistir a unha sesión informativa nos seis meses previos á interposición da demanda. Difundir as vantaxes do proceso é un compromiso de Acción Mediación. A avogada Mar Basoa é parte da mesma.
Por que a mediación non é aínda moi coñecida na sociedade?
A mediación como ferramenta extraxudicial de resolución de conflitos é unha gran descoñecida. Este descoñecemento fai que de momento o seu uso sexa escaso. Falta que por parte de sociedade se tome consciencia da utilidade da mediación e para isto a administración debe colaborar activamente na súa difusión, porque asociacións como a nosa e outras carecemos de medios para dar a coñecer todo o que a mediación pode ofrecer para resolver os seus problemas.
Cantos casos de mediación atenderon neste último ano?
Atendimos varios casos de mediación, englobando neles tanto supostos de mediación intraxudicial derivados cando xa existe un procedemento en marcha como supostos de mediación con conflitos non xudicializados.
Na maioría dos casos, arredor dun 80%, a mediación permite chegar a un acordo extraxudicial
Aumentaron as solicitudes de mediación?
Pódese observar un aumento da mediación respecto de anos anteriores. Hai que ter en conta que anteriormente case non existían mediacións como tales, senón máis ben outro tipo de acordos.
Cales son os tipos de mediación máis solicitados?
Actualmente, a maior parte das mediacións lévase a cabo en procedementos de familia, asuntos de separación, divorcio, custodia dos fillos, reparto de herdanzas… Supostos nos que ningúen mellor que os implicados poden achegar a solución a un problema tan persoal no que é imprescindible que as relacións persoais non queden deterioradas.
En cantos casos se chega a un acordo extraxudicial?
Na maioría dos supostos chégase a un acordo extraxudicial, un 80% dos casos aproximadamente, e nos supostos nos que non se acada o acordo o proceso de mediación restablece o diálogo entre as partes e axúdalles a darlle outra visión ao conflito, o que sempre é beneficioso para as súas relacións.
Na abordaxe da mediación, cales son os principais atrancos cos que se atopan?
O principal atranco é o descoñecemento. Pode dicirse que a mediación é, en certo modo, un fenómeno novo e, como todo o novo, é normal que atope resistencias á súa aplicación, tanto nas persoas como naqueles profesionais acostumados a técnicas e rutinas reguladas, aprendidas e exercitadas de forma tradicional dende siglos atrás. Pensemos nun pasado recente nos recelos ou reticencias de cara a informatizar unha empresa, o uso de internet ou os primeiros móbiles: estabamos seguros de que podiamos vivir sen eles e agora son parte da nosa vida, cambiándoa en moitos aspectos. Pois o mesmo pasa coa mediación, chegou para quedarse. Seguramente o seu uso xeralizado tarde máis que o do móbil, pero conforme se vaia coñecendo e aplicando consolidarase como a mellor alternativa para resolver os conflitos.