Da reixa do estaleiro de Navantia xa non só penduran os buzos cos que os traballadores do naval simbolizan desde hai meses a perda de postos de traballo na factoría da ría de Ferrol. Xunto a eles, centos de prendas dan forma desde onte a un “monumento á dignidade”, no que, ademais dos operarios do naval, están representados moitos outros sectores, a cidadanía en xeral, vítimas da crise económica e “os ataques sociais que padecemos”.
Mandilóns escolares, batas de sanidade, de laboratorio ou de limpeza, uniformes militares, camisetas de diferentes entidades, clubes ou asociacións, pantalóns, chaquetas, vestidos e moitas outras pezas de roupa, algunhas delas con mensaxes incluidos –“me deixaron en pelotas”, “queremos traballar e non emigrar” ou frases en apoio a Ferrol e a súa comarca– foron pendurados onte polos centos de persoas que secundaron a “acción artística popular” de Radio Buguina.
A chamada deste colectivo, integrado por parte dos artistas e creadores que levaron a cabo a “Burla Negra” pola catástrofe do Prestige, tivo unha excelente resposta por parte da cidadanía de Ferrolterra e mesmo de xente doutros puntos da comunidade.
“Con esta acción chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores do naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo, uns buzos que simbolizan o pelexo dun animal esfolado”, apuntaba onte o deseñador eumés Pepe Barro, un dos membros do colectivo. “A roupa deshabitada, espetada ou cinxida aos ferros, é a metáfora dos corpos desaloxados, expulsados do espazo de traballo”, apuntan desde o colectivo.
unidade
Barro salientou a unidade acadada na organización dunha acción que non sería posible, dixo, sen o apoio das máis de 30 entidades –entre partidos políticos, sindicatos, asociacións culturais e outros moitos colectivos, encabezados polos comités de Navantia e das industrias auxiliares– que colaboraron na iniciativa.
A cita foi retransmitida en directo polo polifacético Xurxo Souto e contou coa participación de numerosos artistas como Mercedes Peón, Manolo Bacallau, María Manuela, Antón Cortizas, e moitos outros. A acción quedará tamén recollida nun vídeo que será presentado na cidade.