O próximo martes 13 de outubro, ás 19.30 horas, regresa á Biblioteca da praza de España a actividade do Club de Poesía, unha meritoria iniciativa que inocula o gusto por esta arte e unha media de 30 persoas por sesión e que se desenvolverá os segundos luns de cada mes.
O poeta Juan Carlos Valle “Karlotti” coordina desde hai anos este club que comeza coa reivindicación dun creador de primeiro nivel non sempre coñecido como debería. Trátase de Eugénio de Andrade (Póvoa de Atalaia 1923 - Oporto, 2015), poeta, prosista e tradutor portugés que en palabras de Karlotti: “Está considerado por moitos como a voz máis fecunda e o poeta portugués, despois de Pessoa, máis universal das letras portuguesas do século XX. Ademais foi sempre un autor moi comprometido e gran amigo de Saramago”.
Moi influído pola poesía española, sobre todo por Bécquer e San Juan de la Cruz, Andrade traduciu ao portugués a Lorca, Machado e Juan Ramón Jiménez. Entre os seus referentes sempre citaba a Pessoa, Rimbaud ou Whitman. Karlotti avanza que no caso de Andrade, así como en futuras reunións, os asistentes ao club, poden facelo de maneira libre sen apuntarse.
“Entregaráselles unha escolma duns 40 poemas de cada un dos autores tratados que se recitará, xa que escoitar a poesía é poñela nun activo, a oralidade conta moito e ofrece unha sensación e unha emoción para os lectores maior que só a súa lectura”. “Ademais –avanza Karlotti–, cada última media hora farase un exercicio creativo entre os asistentes partindo dalgún dos versos do autor tratado. Non importa tanto a calidade como que os asistentes vexan como se pode traballar cun poema e a sensación que se logra”.
Nos próximos meses, Karlotti avanza que o grupo centrarase nunha escolma de poesía india e cun dos grandes autores africanos da actualidade, o mozambicano Mía Couto. Así mesmo, o coordinador apunta que desexarían facer unha homenaxe ao poeta recentemente falecido, Carlos Sahagún, membro da xeración española dos 50 e 60.
versos contra a violencia
O próximo venres ás 20.00 horas o bar O Cafelito de Gloria (Sol, 199) acolle un acto en solidariedade coas mulleres asasinadas nos últimos anos en Ciudad Juárez (México) organizado a través da Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol.
O acto poético e reivindicativo é aberto a todo o público e xa confirmaron a súa asistencia e participación Karlotti, Guillermo Ferrández, Fernando Naveiras ou músicos como Manolo Bacalhau ou Roger de Flor entre outros.