Entre os anos 2010 e 2014, o grupo Historia Arqueoloxía e Análise Territorial, da Facultade de Humanidades, e o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) traballaron intensamente nunha obra que acaba de ver a luz “O xacemento de Santa Comba e a minería de Covas” (Edicións Embora), unha achega coordinada polos profesores Xosé-Lois Armada e Víctor Alonso. O volume preséntase mañá ás 20.00 horas no local da AVV de Covas coa presenza de Armada e do presidente da Sociedade Cultural Columba, José López Hermida.
técnicas modernas
O profesor cariñés Xosé-Lois Armada, actualmente no Instituto de Arqueoloxía de Londres aínda que traballou para o CSIC na época das investigacións en Covas, é un dos coordinadores do volume agora publicado e destaca o interese do libro.
“Os traballos centráronse no xacemento do castro, na ermida de Santa Comba e na mina de ouro romana situada apenas a un quilómetro e medio do castro. Fíxose con metodoloxía non invasiva, non excavamos e usamos técnicas superficiais, prospeccións xeofísicas con xeoradares, tomografía eléctrica, gradiómetros tipo fluxgate, e outras técnicas modernas que permiten detectar estruturas soterradas, a súa panorámica rápida e a extensión. Por exemplo, na illa, o castro está bastante deteriorado e o mellor conservado está na entrada. No caso da mina, usamos unha técnica de imaxes aéreas que eliminan os vexetais e árbores (o LiDAR aéreo), grazas ao que reconstrúes a topografía e podes medir as súas dimensións. Así, fíxose unha nova planimetría do castro e un estudo xeomorfolóxico”.
O libro tamén razona unha das súas propostas: un plan director para a súa investigación. “Propoñemos a creación dunha fundación coa participación do Concello, a asociación Columba, entidades privadas, etc. O lugar debe conservarse e estudarse porque é único. Sen baixar do coche un pode ver un castro nunha illa cunha ermida, unha mina de ouro romana e, máis actuais, varias baterías de costa: É algo único”.
En canto á datación do investigado, Armada destaca que “o castro debe ser do século III a.C., e a bandonouse no I d.C. Cremos que a mina de ouro romana tamén é desa época e o parón en ámbolos dous lugares podería estar conectado. En canto á ermida e a necrópole baixo ela, xa os documentos nos falan do ano 868 despos de varios séculos sen rastros”.