Rogelio Arias: “A obra de Rosalía é universal porque toca a fibra de calquera ser humano”

Rogelio Arias: “A obra de Rosalía é universal porque toca a fibra de calquera ser humano”
Unha das imaxes que acompañan o lanzamento do EP “Lúa Descolorida” | raquel calvo

Coa panxoliña “It´s Gonna Be a Cold Cold Christmas” a alianza de Os Peregrinos –Rogelio Arias e Charlie Mysterio– e Lia Pamina encetou unha relación musical que agora, tamén da man de Elefant Records, vén de alumear o EP “Lúa Descolorida”, catro temas que transitan entre a bossa nova e o pop inspirados noutros tantos poemas de Rosalía de Castro.


En que momento xorde a idea?

Xorde das conversas con Lia Pamina, unha artista compañeira de catálogo do selo de Elefant que admiramos e coa que xa gravaramos, como Os Peregrinos, un single a finais de 2019. Nunha desas conversas comentoume que a súa poeta favorita era Rosalía de Castro; de feito, ela chámase Lia por Rosalía, porque o seu pai é galego, emigrou moi novo a Valencia e ela naceu en Castellón. Díxome que o seu poema favorito era “Lúa descolorida”, así que un día, por curiosidade, lino e decontado abrollou unha melodía que soaba moi bossa nova, moi sixtie, moi do seu estilo, pois Lia móvese moito en parámetros da música dos 60. Preparei unha gravación e, como eses días estaba comigo Charlie Mysterio, ensineilla e a el ocorréuselle facer unha parte final máis festiva. A Lia encantoulle a maqueta, así que pensei que se a cousa fora tan ben e tan rápido co primeiro poema, podía seguir afondando nesa liña. Así volvín sobre Rosalía, sobre “Follas Novas”, e para min foi unha redescuberta marabillosa: xa na primeira estrofa do libro comezaron a agromar melodías. A poesía de Rosalía é moi musical, moi inspiradora, e funlle dando forma a algunhas melodías. Cando fixen a segunda canción díxenlles que sería bo propoñerlle a Elefant facer algo. E eles aceptaron axiña.


Encaixaba na súa liña...

Si. A segunda canción, “Follas Novas”, é máis pop, con toques da Chanson francesa dos 60, que se adaptaba moi ben a Lia. Todas as pezas encaixaron e en Elefant entusiasmáronse desde o primeiro minuto. Logo foron xurdindo os outros temas. O resultado é un traballo de catro cancións. Probamos con outras, pero vimos que estas catro eran as máis contundentes e coherentes para este formato vinilo de EP clásico.


Como é posible que músicos de distintas procedencias conflúan nun proxecto poético-musical en galego?

Temos moitas cousas en común. Os tres somos devotos da música que se fixo nos 60 e tamén nos une, principalmente a Charlie e mais a min, a paixón pola música brasileira. Charlie móvese máis no terreo do indie e eu son máis “clasicote”, pero encaixamos ben, hai moito en común sendo tan diferentes. Con Lia compartimos o gusto por esas cantantes dos 60, como a propia Françoise Hardy, France Gall, Cilla Black ou Astrud Gilberto. Sobre eses cimentos asentouse este traballo.


A obra de Rosalía pode ser inspiradora para os músicos de hoxe?

Con Rosalía si se traballou musicalmente e hai moitas versións dela porque ten un universo tan pródigo e tan rico que dá para moito. O interesante deste proxecto, coido, é poder darlle aos textos de Rosalía un enfoque universal a través de dous estilos de música tan globais como a bossa nova –que xa transcendeu o territorio musical do Brasil– e o pop. Ese mesmo carácter universal está moi presente en “Follas Novas”, unha obra mestra da literatura de todos os tempos, que toca a fibra de calquera ser humano porque fala das cousas que nos pasan aquí, en Zimbabue ou en Australia. Como curiosidade direiche que este traballo está funcionando moi ben en Xapón. É moi fermoso reivindicar unha nova Rosalía, afastala dos estigmas que pesan sobre ela. Para nós, Rosalía é moito máis que unha poeta morriñenta; é unha muller rebelde, que loita contra as inxustizas sociais, unha muller con moito sentido do humor, con moita forza, con moita vitalidade, cunha personalidade arrolladora. Gustounos moito ese enfoque case metafísico, esa fondura espiritual, da poesía de Rosalía.


Haberá presentación do EP?

Estamos á expectativa. A nosa ilusión é arrancar o proxecto con varias presentacións; en Galicia, por suposto, incluído Ferrol; en Madrid, porque o selo Elefant ten alí a sede; en Valencia... Facer catro cousiñas para arrancar e despois ir vendo, sen máis pretensións. Como a programación está parada, estes son tempos de moito traballo creativo na casa... Non queda outra.


Que sacou de positivo dunha situación tan adversa como a pandemia?

Pola miña propia natureza tendo sempre, en todas as situacións, a buscar o positivo. E, nese sentido, estes meses foron unha época de moita aprendizaxe, de sacar adiante proxectos que tiña na recámara agardando polo tempo preciso para poñelas en marcha, como a segunda parte de Strange Mystery Flower. O confinamento valeume para me ir liberando de cousas que tiña aí como espiniñas cravadas. Pero, por suposto, estou desexando que todo isto pase e volver facer concertos. Boto moito de menos interactuar co público, as viaxes... É o que me dá a vida.

Rogelio Arias: “A obra de Rosalía é universal porque toca a fibra de calquera ser humano”

Te puede interesar