A beiramar do Mar Negro, non lonxe de Trabzon (a antiga colonia grega de Trebisonda), transcorre a acción deste fermoso e, á vez, tráxico filme. A única referencia xeográfica con que contamos ten que ver cun partido de fútbol ao que acoden as cinco irmás protagonistas da historia, após teren escapado da casa. O equipo local é o Trabzonspor e, pola circunstancia de estar sancionado o estadio tras uns altercados nun encontro anterior, prohíbese público masculino, mais non o feminino, producíndose un dos momentos máis curiosos e metafóricos se se quere do filme. Istambul –fálase– fica a 1.000 km de distancia, a onde vai destinada unha profesora moi querida de Lale, a máis noviña das irmás, e cuxa partida lle causa moita tristeza.
O filme, de produtora francesa, pódese dicir que é cinema turco, dado a historia transcorrer en Turquía e seren tamén turcos actrices e actores, e turca a lingua en que foi rodado. A directora, Deniz Gamze Ergüven, turca nacionalizada francesa, preséntanos unha trama de aparencia feliz, tenra, con protagonismo feminino e xuvenil e importantes doses de inxenuidade. Dita aparencia de inicio, e sen abandonar de todo algún destes ingredientes ao longo da metraxe, convértese en infelicidade e traxedia a medida que a acción avanza. Á saída da escola, as cinco irmás deciden voltar a pé á casa como celebración do final do curso, mais baixan primeiro á praia e métense no mar co uniforme para xogar aos cabalos subidas aos ombros duns compañeiros varóns, feito este que desatará o conflito. A moralidade social, e familiar, acaba por encerralas na casa, acusadas de teren refregado as súas partes íntimas nos pescozos dos rapaces.
Nunha entrevista concedida á prensa gráfica, Günes Sensoy, actriz que fai o papel de Lale, deixa ben claro que “Mustang” non é a parte escura de Turquía, senón a da humanidade mesma, e de certo que non lle ha de faltar razón. O filme ten desatado críticas eloxiosas en Turquía, mais negativas tamén por ter mostrado, aparentemente polo menos, a cara menos amábel do país. A novísima actriz (as cinco irmás suponse que teñen entre 12 e 16 anos), cunha grandísima madurez, argumenta que o filme tenta ser a denuncia dunha situación extrapolábel a moitos outros lugares do planeta, pese a se estar a producir en Turquía. O sometemento da muller á vontade dunha sociedade terribelmente machista que a relega ao papel de mai e dona de casa, é o que se está a denunciar, un modelo, infelizmente, non exclusivo de Turquía. Mais só a contestación, a rebeldía demostrada (sobre todo por Lale), e a traxedia desatada a certa altura da historia, envolve toda a acción do relato cinematográfico.
A Turquía actual é un estado laico, democrático, social e de dereito, membro fundador da ONU, do Consello de Europa, da OSCE, etc., que se alicerza sobre os piares fundados por Mustafá Kemal “Atatürk”, verdadeiro líder da nación turca moderna, e renacida tras as cinzas do vello imperio otomano. Con todo, unha ollada demorada sobre el sería capaz de demostrar que existen moitas cousas que non son tal.
O Poder Xudicial, a instancias da cúpula militar, pode prohibir a actividade de partidos políticos que teñan vinculación relixiosa ou avoguen por un proceso de autodeterminación, e dan fe disto varios golpes militares habidos entre os 60 e os 80. A brutal represión policial da praza de Taskim hai dous anos ou a censura sobre medios televisivos e xornalísticos en xeral co goberno islamista (moderado) de Recep Tayip Erdogan son proba evidente de como o estado de dereito escorrega perigosamente sobre o gume da navalla.
O filme “Mustang” fala de represión. As cinco rapazas viven na casa da avoa e de seu tío (individuo repulsivo que chega a abusar das sobriñas), pois seus pais morreran. Vivían unha vida feliz e até cunha certa liberdade, mais acábana perdendo a raíz do conflito de que falamos. Son feitas prisioneiras na casa, colocándose barrotes de ferro e sendo humilladas a vestiren roupas marrón caca (dise no filme) por teren fuxido para ir ao partido. A avoa, na realidade, é refén da sociedade, da comunidade que reprende e acusa as mozas de liberalidade e obscenidade, de modo que as preparan domesticamente para seren boas esposas e concértanlles casamentos. Lale, no entanto, rebélase e busca a forma de conseguir romper con esta situación. Non soporta o inxusto e inhumano trato sobre elas, de aí a reacción cal cabalo mustang, título alusivo á beleza e estado libre ao que desexa aspirar. Mais a sociedade dunha certa Turquía (en clara involución co actual goberno islamista) represiva e hipócrita que no filme se plasma, e apegada a uns costumes castradores, non nos pode facer anubrar a vista, pois tamén aquí está a acontecer, poñamos por caso, entre a sociedade romaní. Filme, en fin, tan necesario como emotivo, alén de cargado dunha enorme beleza, comezando pola extraordinaria e intelixente Lale, a máis nova pero, paradoxalmente, a máis consciente en querer mudar tan terríbel estado de cousas.