eixémonos de andrómenas, ao pan pan. Despois do que levamos sufrido, e o que nos queda por sufrir, non podemos baixar a garda contra o Coronavirus, sería cousa de tolos.
Escoito na cabeceira do telexornal, que é o único que atendo, que foron catrocentas as festas ilegais descubertas pola policía en Madrid. Uns vacinando e outros co mazo dando. Fala tamén do aumento de contaxios en cinco comunidades autónomas, en plena desescalada, o que indica claramente que tan axiña como as autoridades abren a man, aumentan os contaxios coas conseguintes consecuencias que obrigarán a pechala de novo
Nin ponte de San José nin Semana Santa, ¡nin farrapos de gaita!, ¿a ver si no vindeiro verán?. É lóxico que a xente estea desexando prescindir das prohibicións, por non falar da economía, pero moito coidado e sentidiño porque facelo sen as debidas garantías pode levar a ser peor o remedio que a enfermidade. Xa temos experiencia dabondo, non caiamos de novo no mesmo erro. Compre pensar a máis longo prazo, se queremos salvar a temporada de verán, empecemos a salvala a partires de hoxe mesmo, adoptando por parte de todos, as medidas destinadas a tal fin. Non podemos perder de vista que a pandemia aínda está presente con toda a súa forza e gravidade. Hai que facerlle un seguimento exhaustivo, nin un paso atrás, ata erradicala totalmente.
Esperemos que as vacinas fagan o seu traballo e que cada día se descubran máis e con mellores resultados. Sería boa cousa poder dispoñer dun tratamento que substitúa a vacinación, a base de pastillas de libre disposición, unha vez experimentadas, en farmacias e mesmo en supermercados. Sei que xa se está a traballar en esta dirección.
O gran problema da economía ten que ir mellorando ao ritmo que lle marque a situación sanitaria, non pode ser doutro xeito por moi doloroso que sexa así que non queda outra que conformarse.
O mundo enteiro ten que se afacer a un novo xeito de vida condicionado pola pandemia. Aproveitemos a ocasión para eliminar, tanto como sexa posible, as eivas que nos afogan, enfermidades, fames, guerras e xenreiras que non conducen a ningures.
Cuidádevos moito, física e mentalmente, porque o monstro por riba tamén tenta pasarnos factura en ámbalas dúas direccións. E sobre todo moito ánimo porque, sen ningunha dúbida, non tardará moito en desaparecer da nosa vida o que, en gran medida, depende de todos nós