Moita leria e pouca claridade

Vivimos nunha época na que gran parte dos partidos políticos, en especial os sistémicos, cada vez teatralizan máis a mensaxe, que tende a ser repetitiva e destacando as formas sobre os contidos, coa pretensión de que terminen tradeando o subconsciente da xente. Daquela que a argumentación e o debate foise empobrecendo; quérese ofrecer todo nun minuto... como máximo. Isto é o que está a acontecer co plano de recuperación, a derrogación da reforma laboral, a cuestión fiscal, o conflito catalán, etc. Noutros casos, naqueles nos que a opinión pública pouco pode incidir, como respecto da pandemia, a información é tan exhaustiva que termina sendo unha malleira e tanto as propostas do Governo como as posturas da oposición xerando confusión.


Un exemplo témolo no Next Generation, nos importantes recursos europeos para recuperar a economía do lostrego que supón a pandemia do covid-19. Unha e outra vez o Governo central salienta a importancia das contías, e de que van servir no só para superar a crise senón tamén para modernizar a economía e medrar un 2% por riba do previsto. Porén até o momento pouco se sabe dos proxectos concretos, de como se van xestionar e polo tanto da súa incidencia social e territorial. Un tema que, no caso de Galiza é esencial, tendo en consideración o proceso regresivo das últimas décadas en povoación e emprego. A presentación no Congreso por Pedro Sánchez das 212 medidas que se van propoñer a Bruxelas carecían de detalle. Ofrecéronse grandes cifras e sectores prioritarios: turismo, automóbil, dixitalización do sector público e pequena empresa, formación... E o sector primario e unha industria diversificada?


Tan verde está o tema que ningún estado presentou o seu proxecto en Bruxelas, cando o prazo seica finaliza este mes, Nadia Calviño afirmaba que estaban facendo os últimos axustes. Este acougo co que toman o tema na UE amosa até que punto este é un crédito+subvención forzado, dado as diverxencias internas sobre o tema, o que viu demorando as axudas directas ás empresas. Vexase a diferencia cos Estados Unidos onde van polo terceiro proxecto de axudas públicas, o último para grandes investimentos en infraestruturas. Estas debilidades e contradicións no seo da UE, que xa se reflectiron coa disputa polas mascaras ao principio da pandemia e respecto de moitos outros temas, ten neste caso un carácter estratéxico porque definirá o papel que teña Galiza na cadea de valor. E estas non son cuestións que se podan tratar e resolver con leria e pintando espellismos.

Moita leria e pouca claridade

Te puede interesar