Adicción sen substancia

É preciso saber no que noso idioma substancia e palabra que define calquera elemento ou conxunto de elementos líquidos, sólidos ou gasosos de que están formados os corpos; e, tamén, a parte primordial dunha comida, en que reside o alimento e o sabor. Esta última acepción permite a súa conexión con seu sinónimo, sustancia, no que varia a forma máis axeitada da expresión e que lembra aquela tradición do caldo que se lles daba ás mulleres que acababan de parir.


Porén, aquí trátase da identificación co universo das drogas e a súa consecuencia psicolóxica e física de adicción e dependencia destrutiva da persoa e, moitas veces tamén, do seu entorno familiar. Sen embargo, modas e tendencias, impulsadas polo negocio mercantil das empresas que buscan o seu lucro no xogo e nas apostas, incomprensiblemente toleradas polas autoridades políticas e sanitarias, e por desgraza agrandadas aínda máis no seu hábito e uso polo efecto da pandemia sanitaria causada polo Covid-19 co tempo de confinamento obrigatorio e períodos de illamento social que levan ao recurso cómodo do emprego de medios na rede de internet, provocan unha grave situación da que vén facer alerta a Fundación de Axuda contra a Drogadicción, no estudo titulado “Que nos xogamos?”, amosando unha grande preocupación polo feito de que o xogo con diñeiro continúa a incrementarse entre a mocidade, especialmente na modalidade “en liña”, no que xa acadou o cincuenta por cento, e dicir, a metade do que realizan este grupo de idade, no que se inician como idade media antes dos quince anos.


Aínda máis, o informe da FAD pon foco no considerado xogo sen diñeiro real, o simulado, porque asenta hábitos que, co paso do tempo, no xeito de vida da mocidade, levará ao consuma asociado ao mesmo e, inevitabelmente, á patoloxía ludómana porque, como reflicte esta investigación, “a modalidade de xogo en liña é fundamental para o desenvolvemento da aprendizaxe, a socialización nos patróns de xogo e a conformación do hábito”. Razón pola que a publicidade do xogo en liña con personaxes públicos que son referencia para a xente moza é tan efectiva. Non só para permitir o acceso ao xogo dos máis novos, aínda que sexa na modalidade de diñeiro virtual, senón tamén para asegurar a súa fidelidade e seguimento da plataforma ou empresa en cuestión.


Datos que exixen reacción. Sociedade e gobernos non poden darlle de costa ao andazo sanitario. 

Adicción sen substancia

Te puede interesar