Pablo Iglesias tivo a intelixencia de constatar a fin do seu ciclo político, xusto ao se cumplir neste maio dez anos das mobilizacións cidadás do 15-M. Porque Iglesias fracasou nas eleccións rexionais madrileñas, nomeadamente en comparanza co trunfo relativo na esquerda do Más Madrid de Mónica García, fundado polo seu antiguo compañeiro Errejón. Un partido a quen tentou subordinar propoñéndolle unha coalición liderada por él propio, no que constituiu o último dos seus erros políticos.
Na Galicia, Pablo Iglesias aproveitou a desafección inmobilista coa que o BNG enfrontou no 2011 o 15-M (como ven de observar aqueladamente o analista político David Rodríguez) situando Podemos como miolo pensante e forza directiva da nova política galega, dende baleiras apelacións a respecto da personalidade nacional de Galicia, mais sen integrar na súa análise de base a realidade económica, social e política do noso País e proxectando a falsa idea de que os problemas das clases medias e traballadoras eran comúns en todo o Estado. Iglesias e Podemos non analisaron cuestións esenciais como o acelerado proceso de recentralización económica, o efecto-sede en Madrid das políticas de investimento estatais, o dumping fiscal madrileño ou a evidencia de que os sectores económicos fulcrais para Galicia sexan prescindíbeis para o Estado español.
Canto ás decisions orgánicas e electorais na Galicia todo foron erros. Na primavera de 2015 Podemos Galicia retraeuse, en xeral, do proceso das municipais e da formación das Mareas locais. Cara ás xerais de 2015 Podemos matou o obxectivo de milleiros de crear unha organización nacional galega de ampla base para estruturar unha coalición dende cadanseus cumios entre Podemos, EU e Anova. Iglesias e Yolanda Díaz incumpriron o mandato cidadán do grupo parlamentario galego e os deputados galegos dos Comúns (agás Alexandra Fernández co seu aceno de dignidade) remataron por votar a primeiros de 2019 un dos peores Orzamentos estatais para Galicia da historia recente.
Pablo Iglesias e Echenique boicotearon a decisión congresual de En Marea (xuño de 2016) para se constituir nunha organización soberana e exclusivamente galega, impoñendo unas primarias amañadas que determinaron que 7 dos 14 deputados de En Marea nas galegas de 2016 fosen militantes de Podemos.
Podemos boicoteou tamén o liderado político e parlamentario de Luis Villares (2016-2019 de xeito conscientemente filibusteiro, xerando esceas verdadeiramente vergoñentas.
Recoñecendo a honradez persoal (non diría tanto política), cultura, capacidade de comunicación e intelixencia de Pablo Iglesias, recoñecendo o inxusto das campañas de acoso e despersonalización que sofriu, o certo é que na Galicia non o imos botar a faltar.