A festividade das Letras Galegas do vindeiro luns, dedicada este ano á autora Xeal Arias, encherá xa durante esta fin de semana as axendas culturais dos municipios da comarca de variadas propostas, que terán continuidade nos vindeiros días.
O Concello de Ferrol enmarca na celebración do 17 de Maio o concerto que esta tarde, ás 20.30 horas, ofrecerá a artista cedeiresa Guadi Galego para interpretar os temas do seu último traballo, “Costuras”. O disco acubilla dez temas da propia Galego e de Carlos Abeal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro. As entradas están esgotadas.
O Concello de Ferrol enmarca o concerto desta tarde de Guadi Galego no Jofre no programa de conmemoración do 17 de Maio
Para o vindeiro sábado día 22, o goberno local deseñou unha Xornada Literaria que levará por título “Voar sobre a terra” e que terá lugar baixo unha carpa instalada na Praza de Armas. Comezará ás 11.30 horas para se prolongar ata ás 20.30, cun pequeno descanso ao mediodía. Participarán autores como María Canosa, Xesús Constela, Enma Pedreira, Laura Romero, Bernardo Máiz, Delia Vázquez e Xosé Manuel Pazo, entre outros. Desenvolverán conversas arredor de Xelia Arias e Ricardo Carvalho Calero, o ilustre ferrolán cuxo homenaxe do pasado ano viuse condicionado pola situación da pandemia.
Durante esta actividade desenvolverase un espectáculo infantil a cargo de Ghazafelhos e un monólogo do neurocientífico Xurxo Mariño. A sesión rematará cun concerto dos alumnos do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol. O programa continuará o 28 de maio co xa anunciado concerto das Letras Galego-Portuguesas con Ugía Pedreira e Kátia Guerreiro.
En Narón, os actos centrais terán lugar o propio luns, na Praza da Lectura (Vivendas da Mariña) a través do programa “N de Narón. A Festa das Letras”, que se desenvolverá durante todo o día con diferentes propostas. Ás 12.00 horas haberá teatro con Soraya Lema; ás 13.00 horas espectáculo musical co grupo Golfiños; ás 17.00 horas, narración oral coa obra “Casabranca” da compañía Eléctrica; ás 17.50 Pérez&Fernández achegarán “Picnic”; e ás 18.45 horas, Mamá Cabra&Bellón Maceiras farán gozar ao público co concerto didáctico “A música das buguinas”.
Na carpa instalada na devandita praza haberá tamén un espazo para a Biblioteca municipal con libros de homenaxeados nas Letras Galegas e serán repartirdos marcapáxinas.
Tamén estarán presentes na festa as librarías Pasapáxinas e Day. Esta última organizou unha sinatura de libros con Paula Merlán, Ana Meilán, Ana Varela e Antón Cortizas.