Pois semella que si, que España é diferente e que, xa que logo, os españois somos diferentes tamén. Diferentes pero non mellores. Se cadra fáltanos moito aínda para nos igualar a outros que superaron con moito arrepentimento e propósito de emenda, as graves diferenzas que mesmo entre irmáns había. Pasaron máis de 30 anos da derruba do muro de Berlín e hai xa 47 anos da revolución portuguesa dos caraveis, que foi a máis bonita e poética de todas as coñecidas, porque non hai imaxe máis poética que a dun caravel na punta dun fusil. E aló van máis de corenta do fin da ditadura franquista. E non se podería asegurar que a situación política neses outros dous países sexa modélica, mais que eu saiba, alí non saíu ninguén propoñendo matar a vintecinco millóns de cidadáns. Iso é o que nos fai definitivamente diferentes, pero non mellores. É incrible a inmensa capacidade de algúns para odiar. E matinando neste tema, ocórreseme pensar que, se o deus que estes elementos adoran, creounos á súa imaxe e semellanza, algo lle fallou na mestura da pasta da que están feitos. Ante semellante panorama, non é de estrañar que aquel deus dixera: “ Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”. Pois si.