Imaxino que moitos lembrarán esta apostila con música nas festas do Nadal. Tratábase dun anuncio que se emitía pola televisión e cuxa música parecía que viña para quedarse connosco. A referida publicidade baseábase nesa tendencia que todos, ou case todos, temos de achegarmos a casa polo Nadal. Aqueles que marchan, desexan volveren.
Isto ven a conto porque hai un español que puxo terra polo medio por mor de circunstancias que raian con asuntos relacionados con delitos económicos. Fuxiu, non foi a unha illa artificial de Arabia Saudi de vacacións. Xa saben a quen me estou referindo ¿verdade? Pois este español que atopou acubillo nunha férrea ditadura do Oriente Medio quere volver a casa polo Nadal, non sei se ao son da musiquiña aquela do aludido anuncio. Non é un español calquera, non, non é ningún cidadán que estea aló por razóns laborais, non: é nada máis e nada menos que un rei e xefe de estado que, aproveitándose da súa condición, fixo suculentos negocios. Facer negocios, evidentemente non é ningún delito, pero un rei, un xefe de estado non está para enriquecerse así como así e ¡a min que me rexistren! tomando á cidadanía polo pito dun sereno.
Din que a xustiza suíza arquivou os supostos delitos de fraude económica do exmonarca polo cobro de comisións recibidas de Arabia Saudí que ascendían a uns 100 millóns de euros. A min non me estraña nada, pois é tradición que en Suiza non pregunten a procedencia do diñeiro se te achegas a un banco cunha maleta chea a facer depósito. Pero o caso é que por alí pasaron os cen millóns procedentes de Arabia Saudí a Juan Carlos e deste despois a súa amante Corina Larsen co gallo de que soltaran algunha impureza nunha planificada limpeza. Tamén o lavado de imaxe do monarca “campechano”, que desde España se fixo e se fai, non ten parangón. Prensa e institucións puxeron o máximo empeño en convencer á cidadanía de que Juan Carlos era un personaxe honorable ao que os españois lle debíamos moito. A cidadanía ten dereito a saber a verdade e a non afundirse en panfletos disfrazados de libros de historia. Hoxe se van sabendo cousas, pero quedan moitas aínda por saber, asuntos reservados que poderían clarexar as claves do enriquecemento desmesurado da familia real logo de sentar os seus “reais” no Pazo da Zarzuela, casa á que agora pretende regresar Juan Carlos con restitución da asignación que outrora lle fora retirada e : “perdón, lo siento, no volverá a ocurrir”. Pois veña, paz e felicidade que aquí non pasou nada.