A compañía local Maquinarias Teatro vén de estrear durante a fin de semana o primeiro ciclo da iniciativa cultural Fiada, que naceu co 2025, compartindo espazo en Catabois con Sarao Gallery. Neste encontro, as dramaturgas e actrices Helga Méndez e Eugenia Sanmartín deron a coñecer, por segunda vez en Ferrol, “vidAs asomadAs”, unha performance inspirada nas distintas mulleres que pasaron polo Antigo Hospital de Caridade, que hoxe é o centro Torrente Ballester. A súa saída do concello xa está prevista para o venres 7 de marzo, cando a actuación terá lugar en Mugardos, da man da Asociación Cultural Apelón Educación.
O proxecto naceu con motivo do festival Ilustración-Arte do pasado mes de decembro, que constituíu unha oportunidade perfecta para dar forma a unha idea pendente. A fundadora da compañía, Helga Méndez, lembra as conversas coa súa amiga Rosa Millán, “unha muller moi tecedora” que fora compañeira na Casa da Muller, nas que a animaba a recuperar estas historias para levar aos escenarios.
A partir do encargo para o evento, as autoras comezaron un proceso de recolleita de información sobre o Antigo Hospital de Caridade, que empezou a construírse en 1783. Estas tarefas leváronas a contactar coa historiadora Esperanza Piñeiro de San Miguel, que “ten un pozo de sabiduría e recomendounos algo de bibliografía, aparte do que xa investigaramos”, continúa.
Despois de mergullarse en documentación, “escollimos catro mulleres que podían ser representativas do Antigo Hospital de Caridade”. Tal como explica Helga Méndez, este espazo albergaba moitas traballadoras, mais a súa elección fundaméntase en que son personaxes procedentes de ámbitos moi distintos, que en todo caso, quixeron tratar “desde un punto de vista cálido e feminista” a todas elas, segundo sinala Eugenia Sanmartín.
En escena, o resultado é unha performance baseada en textos e movementos na que, cunha duración aproximada de 40 minutos, as actrices van trocándose os papeis, poñendo unha a voz e outra o corpo. Non obstante, co cambio de espazo escénico con respecto á primeira representación, tamén houbo mudanzas e, segundo esta última actriz, “o que agardamos é que ao ir facéndoa en outros lugares, vaiamos tamén crecendo e evolucionando”.
Cada un dos textos iníciase cun fragmento dun documento orixinal recollido durante a investigación, que ten relación con esa muller ou con algún acontecemento vinculado a ela. Estas narracións expóñense coa voz dun home, co que tratan de evocar a imperancia que tiñan, por exemplo, á hora de fixar normas. Ademais, a performance contou cunha proxección de imaxes do hospital, como algunha na que se poden ver as hortas que existían fronte ao edificio ou as cociñeiras no seu espazo de traballo, un plano e a cédula de creación da irmandade, entre outras.
As personaxes son unha “señora de bien”, unha mestra, unha ama de cría e unha “muller de mal vivir”, nalgúns casos inspiradas en persoas reais concretas e noutros xorden de acontecementos históricos, cos que artellan un “relato cunha certa poética dramatúrxica”, indica Méndez. Un exemplo verídico é o que esta artista explica sobre a “primeira irmá da irmandade do Hospital de Caridade”, que a pesar de pertencer ás clases altas, estas tamén traballaban a diario en funcións necesarias e buscaban fondos para manter o labor que desempeñaban no centro.
Para maior escarnio, “podes atopar mogollón de información sobre os seus fillos e o seu marido, pero dela, o seu nome e pouco máis”, declara Eugenia Sanmartín, que tamén apunta ese “momento da historia cando as quitan do hospital, deixan de ter función, deixa de existir a irmandade feminina porque entra unha congregación de monxas”.
Naquela época, “abandonábanse moitos nenos nas rúas por diversas causas: pola pobreza, porque era xente de ben que non quería que a súa honra se vise manchada...”, relata Helga Méndez. Este feito motivou a instalación do torno polo que se facía a entrega dos pequenos, que funcionaba dun xeito semellante ao dun buzón circular. As amas de cría eran as encargadas do seu coidado durante os primeiros días, xa que “como aquí aínda non había inclusa, levábanos á que había en Compostela”, continúa.
Ademais, a interese por esta personaxe aumenta, se cabe, ao saber que tamén eran estas profesionais as encargadas dese traslado, que se realizaba na súa inmensa maioría a pé. Xa no século XIX, o edificio acolleu unha escola, na que traballaría a mestra de “vidAs asomadAs”, chamada “del bello sexo” por dedicarse exclusivamente á ensinanza de nenas.
Para levar a cabo esta proposta performática, as creadoras utilizaron unicamente sabas brancas para a escenografía, xa que “identifican moito un espazo de hospital e íntimo tamén”. Estes elementos situáronse facendo un círculo, unha forma que resulta determinante para o movemento porque “hai outra conciencia da disposición espacial e é interesante deixarse levar por ela”, expresa Eugenia Sanmartín.
Trátase dunha figura xeométrica cunha forte presenza na peza, que se pode observar na posición que ocupa o público e na forma do torno, que se localizaba nunha das fachadas máis “discretas” do hospital para entregar aos nenos. Ademais, a circunferencia representa a vida mesma, as transicións de vida e morte, así como os ciclos que se poden observar coa análise da historia, na que “hai cousas que se repiten”, sinala Helga Méndez.
As temáticas vinculadas aos feminismos son habituais na compañía, que sempre leva a cabo os seus proxectos con perspectiva de xénero. O mesmo espazo no que se exhibiu esta última versión de “vidAs asomadAs” acollerá outra performance o 15 de marzo, “Territorios”, que neste caso estará protagonizada só por Helga Méndez.
En Maquinarias Teatro non existe un equipo fixo, senón que vai mudando “segundo o que pida o proxecto que teñamos en man”, advirte a fundadora, que aínda así, dá conta da potente colaboración que adoita realizar coa súa compañeira nesta historia. A compañía naceu da “necesidade de abrirme”, segundo indica Méndez, que a pesar de continuar realizando propostas en solitario, considera moi importante a dimensión compartida.
Do mesmo xeito que a fundadora, Eugenia Sanmartín desenvolve os seus propios traballos, tamén no mundo da música, entre moitos outros. Unha destas aventuras particulares foi a que deu orixe a esta actuación en Catabois, da man de Fiada. A artista, “fan” declarada da proposta cultural xa dende os seus alicerces na rúa Real, entrou en contacto a raíz do seu proxecto “Amaromar”.
Trátase dunha iniciativa que desenvolve xunto á poeta Patri Fernández, residente en Monforte, na que se fusionan as creacións que recolle esta compañeira no seu poemario “Sensonauta” e as músicas que inclúe Eugenia Sanmartín no seu “Antídoto”.