Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni) Alberto Ramil e Ana Jesús López forman parte, con David M. Freire-Lista (coordinador), Bruno B. Campos e Patrícia Moreira, do equipo que asinou un artigo premiado na convocatoria Iacobus Paper da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O texto revela importantes achados históricos e etnográficos da igrexa románica de Nossa Senhora de Guadalupe en Mouçós e Lamares, en Vila Real, ao norte de Portugal. A tecnoloxía láser aportada polos investigadores do campus serviu para realizar unha análise das marcas de canteiro dos perpiaños e o seu escaneamento. Puidéronse identificar as fases construtivas, os canteiros que participaron en cada unha e o acabado característico que cada un deles lle imprimiu.
“A marca de canteiro é unha característica única de cada perpiaño, moitas veces esquecida nos procesos de restauración. Forma parte do patrimonio cultural e achega información histórica relevante que tamén é necesario conservar”, apunta López.
A investigación serve tamén para preservar o patrimonio cultural e o desenvolvemento sostible do turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.