Abordamos co coordinador de Greenpeace en Galicia, Manoel Santos, as predicións sobre os efectos do cambio climático en Galicia e nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortregal.
Greenpeace publicou un informe, “Crisis a toda costa”, onde se expón o risco ao que se enfrentan as costas galegas nos vindeiros anos. Nese estudo fálase dun retroceso de entre 20 a 30 metros para o 2050. Cree que a sociedade é consciente desta situación, malia que agora se está a falar máis que nunca do cambio climático despois do que aconteceu coa DANA?
O problema xa non é que non sexa consciente a sociedade, que o é pouco. O problema é que non é consciente a clase política. As administracións non están a facer o suficiente ou non lle dan a credibilidade que deberían aos informes científicos. É certo que vimos un avance nos últimos tempos no sentido de que todos teñen no seu discurso integrado que hai un problema co cambio climático, pero non tanto cos efectos que podemos ter en plazos moi curtos. A xente, tamén os políticos, pensan nisto do cambio climático como se fose algo progresivo, non exponencial. Pero non hai ningún informe científico que asegure que é algo gradual, senón máis ben todo o contrario. Non é unha ameaza para mañá, xa estamos a sufrir os seus efectos. Precisamos políticas de adaptación para o que nos vai vir coa suba do nivel do mar, sobre todo nas nosas costas.
No informe apúntase, inclusive, a que as consecuencias se non mudamos nada serán palpables xa no 2030, coas rías de Ortigueira e Ferrol como dous dos puntos máis afectados en Galicia. Estamos a tempo de frear esta situación?
O que precisamos é unha redución de gases de efecto invernadoiro, que tería que darse a nivel global. Si estamos a tempo de mitigar moitos dos efectos, iso é o que nos di o Panel Intergubernamental de Nacións Unidas (IPCC). Pero hai cuestións que si van acontecer. É dicir, a subida do mar é un feito comprobado científicamente en Galicia. Calquera organismo investigador galego confirmará que nos últimos anos, especialmente dende a década dos 50, soamente na Coruña xa subiu 2,29 milímetros o nivel do mar. Parecen cifras menores, pero, segundo a regra de Bruun, iso supón unha expansión da columna de auga dun metro, aló menos, por cada centímetro. A xente pode ver estes números pequenos, pero na realidade supón perder moita liña de costa, e nós temos moitísima urbanización na liña de costa, o que pon en perigo a moitos centos de miles de habitantes, que probablemente teñan que abandonar as súas casas. No noso caso, isto podería afectar a Ortigueira, Foz, Viveiro, a ría de Ferrol, Betanzos... En xeral case todas as rías veranse afectadas pola erosión e o retroceso da costa.
No caso de Ferrol temos actividades que se desenvolven a pé de ría, como no caso do estaleiro público de Navantia...
Creo que as administracións públicas, e tamén os Concellos, van ter que introducir xa as previsións e os modelos de predición do cambio climático nas planificacións urbanísticas e de infraestruturas, tanto nas xa creadas como nas futuras. No caso das rías como a de Ortigueira, hai que facilitar a expansión das marismas e das zonas húmidas cara o interior, porque son as que nos protexen dos rigores do cambio climático. Falamos da subida no nivel do mar, dunhas oleaxes cada vez máis frecuentes e duns eventos climatolóxicos extremos que en Galicia tamén podemos padecer. Está subindo a temperatura do mar e iso está a provocar que, por exemplo, a probabilidade de que os furacáns que se dan no Caribe, e que normalmente teñen unha tendencia a ir remitindo e convertíndose en tormentas subtropicais, cada vez se acheguen máis ás nosas costas. Hai que empezar a tomar en serio aspectos como os deslindes dos dominios público-terrestres, recuperar as zonas inundables e outro tipo de cousas que poden parecer máis trivais pero que son serias como, por exemplo, a inversión na ciencia.
Iso, dende logo, semella algo categoricamente fundamental...
A ciencia é a que nos pode protexer e parece que imos ao revés nese sentido. Estamos vivindo momentos de conflictividade social noutros aspectos como o fenómeno do turismo masivo. Pero é que tamén implica a xeración de novas infraestruturas, de moita máis presión a nivel de litoral... Imos ter que actuar e, probablemente declarar máis zonas protexidas para salvagardar ás persoas. Vai haber vidas en perigo e hai que tomalo máis en serio.