Non moita xente sabe que o Campus Industrial de Ferrol é o único que organiza en Galicia un evento local da First Lego League (FLL), a competición internacional que “engancha” anualmente a millóns de rapaces e rapazas de entre seis e 16 anos coa “escusa dos robots” para fomentarlles as vocacións científicas, os valores do traballo en equipo e a aprendizaxe a través do xogo.
Aínda que a conexión ferrolá co mundo Lego chegou case sen pretendelo, levar máis dunha década sendo o epicentro da competición galega non é unha casualidade, senón froito do esforzo e a paixón pola docencia dun puñado de profesores e profesoras da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
Este equipo de “magníficos e magníficas” está coordinado por José Antonio Becerra Permuy, que está pendente ata do detalle que pode parecer máis cativo para que impere a equidade. Ao seu carón están Alicia Munín e Rosa Ríos, encargadas da recepción e do rexistro dos equipos, pero tamén da disposición de todos os materiais: desde a montaxe das medallas de Lego ata a disposición das mesas. De feito, recoñecen que ao estar entre bastidores, “en dez anos non vimos nunca a competición completa”.
Sara Ferreño é a responsable da relación cos equipos, que poden formarse en centros, pero tamén nas academias, entidades e mesmo en empresas de enxeñaría, e Fran Bellas, Adolfo Lamas e Óscar Fontenla son os xefes de voluntariado, arbitraxe e dos xuíces e xuízas, respectivamente.
Todos eles, roubándolle horas ao día (e ás noites), veñen de asumir un reto que porá ao Campus Industrial de novo no mapa: organizar a final nacional da First Lego League o vindeiro sábado 29 de marzo na cidade naval, un evento que será unha realidade co respaldo do Concello de Ferrol, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e da entidade Ingeneir@Soy, responsable do programa educativo da FLL en España.
“É moito choio porque temos a visión de campus pequeno e sempre buscamos que se sintan como na casa tendo en conta todas as necesidades da rapazada: desde a mobilidade ata as intolerancias”, admite o profesor Becerra Permuy, o “culpable” de que Ferrol sexa un referente destes torneos desde que no 2014, xunto con Bellas, solicitaron a compra duns robots para impartir aulas.
“Antes era a mesma xente a que facía a distribución e a organización da FLL, pasaron por aquí e intentaron vendernos ‘a moto’, pero dixémoslles que non tiñamos tempo”, lembra, engandindo que pouco despois asistiu convidado a unha proba internacional en Pamplona e caeu rendido á evidencia: “Ver á rapazada desfrutar tanto cunha actividade que non deixa de ser un programa educativo convenceume de que iso o tiñamos que facer en Galicia. Cheguei, lieinos a todos, e tamén a Vicerreitoría dixo que si”.
Así, dun primer ano no que ocuparon o Salón de Actos do campus nun evento “modesto”, chegaron aos 350 participantes do pasado mes de febreiro na undécima cita galega e xa están listos para os máis de setecentos da vindeira fin de semana, cando terán que medrar cara outros espazos da cidade, ademais dos propios edificios universitarios.
Confirma Munín que a FLL supón para o Campus Industrial unha gran “visibilidade, que se coñeza o que facemos aquí porque somos periféricos e é interesante que a xente de fóra vexa que existimos e estamos fundamentalmente adicados á industria”, polo que un dos obxectivos pasa pola difusión das titulacións que se imparten en Ferrol, pero tamén hai unha compoñente social.
“Interésanos que a rapazada vexa que pode facer o mesmo que os demais, que non teñen limitacións. Queremos fomentar as vocacións no ámbito STEM [Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas], sementalas para que haxa máis probabilidades de que agromen tempo despois”, comenta Rosa, destacando un aspecto no que todos coinciden, como o de que existe un “factor de enganche” tanto para a cativada como para as persoas máis maiores.
“Aprenden sen decatarse. Gústanlles os robots, os Lego e competir uns con outros. Este é o cebo que se lles pon, propoñéndolles un problema que teñen que solucionar, pero sen darse de conta están aprendendo de bioloxía, matemáticas, física, linguaxe, comunicación, oratoria... E máis valores transversais”, engaden.
De feito, os e as integrantes deste “núcleo duro” da FLL Galicia que teñen nenos e nenas non dubidaron á hora de animalos a participar: “Medraron coa First, pero non aquí, mandámolos fóra, pero si, na casa chegamos a ese nivel de implicación e entusiasmo”, engade Munín, precisando que desde a organización hai programa de bolsas e sempre se procura botar unha man para que o poder adquisitivo de cada centro non sexa unha eiva para poder participar.
Afirman de xeito unánime que se houbera que facer un evento como a final do 29 pagando salarios ao persoal “sería imposible, non se faría”, por iso louban o labor das persoas voluntarias que fan factible a proba, pero, por riba de todo, queren destacar o gran esforzo que fai a maioría do profesorado dos centros escolares para preparar os proxectos co alumnado. Un traballo moitas veces invisible e nunca remunerado: “Temos anécdotas de sacar o pano e chorar. É xente ‘super-implicada’, que se apunta a todo, nunha profesión que pode ser moi gratificante ou moi deprimente”, valora Permuy co asentimento dos seus colegas.
Están dacordo en que “esta actividade amosa o lado positivo da docencia” e, como se estivesen falando dun filme e non, como é, do que se vive na nosa contorna, queren lembrar “a profesoras de centros conflitivos, con rapaces de familias con situacións complicadas, que ían polas tardes, fóra do seu horario laboral, a recoller ao alumnado as súas casas para levalo ao centro e preparar a actividade”.
Os dous equipos que ganen o sábado clasifícanse para a final internacional en Houston (Estados Unidos), pero será a rapazada a que de seguro, pasados os anos, lembre aquel torneo de Lego nunha vila galega cun campus pequeno no que se facían grandes cousas e onde estiveron como na casa. Esta é a maxia destas sete magníficas persoas.
“Con respecto ás cifras da FLL Galicia, haberá que multiplicalo todo por dous”, resume Becerra Permuy, precisando que preto dun millar de persoas tomarán parte da cita da vindeira fin de semana no Campus Industrial. En concreto, participaran neste evento organizado pola Universidade da Coruña e Ingenier@Soy un total de 56 equipos, contabilizándose máis de 700 participantes se engadimos ao persoal adestrador.
Porén, a maiores hai que sumarlle os 160 voluntarios e voluntarias que asumirán tarefas organizativas, pero tamén outras tan fundamentais como a arbitraxe. Así mesmo, os xuíces e xuízas forman parte tamén do continxente voluntario que chega de toda a península.