Fai moitos anos que sigo con atención e interese crecente a escrita de Luís Valle. Comentei nestas mesmas páxinas varios libros seus. Escribinlle un prólogo para un poemario. Acompañeino en diversas ocasións na presentación das súas obras. En definitiva: podo dicir que coñezo máis que meridianamente a súa poética.
Por iso hoxe escribirei un decálogo con razóns para persuadilos da necesidade imperiosa de facerse con Fiebre, o seu máis recente libro, obra maior que chega nun momento no que o escritor completa un ciclo autorial e continúa a súa andaina creativa en plenitude.
1. Convén facerse con “Fiebre” porque é a versión castelá de As asuras e o feito de que un libro de versos dun autor galego se publique por un selo en orixe chileno (Aerea, do Grupo RIL Editores) coido que fala alto do valor que se percibe na súa proposta literaria.
2. Acertará quen se anime con “Fiebre” porque non son demasiados e, sobre todo, non sempre son tan interesantes os volumes que se ocupan dun tema tan intenso e sensible como este, que se configura como un longo poema sobre a epilepsia e a derruba do edificio psíquico.
3. Sentirá que atina quen lea este libro porque traza un mapamundi de vivencias que é, a un tempo, unha biografía sensitiva e emocional, tamén lóxica e reflexiva, na que van degraéndose recordos e memorias que configuran o ser profundo.
4. Farase evidente para quen se atreva co texto o atinado da elección porque non poderá senón abraiarse ante a fervenza de referencias históricas e culturais que fan deste texto un auténtico mecano de bonecas chinesas no que gozar descubrindo as alusións metatextuais que este voracísimo lector que é o propio Valle nos vai deixando como as migas do Polegariño para nos guiar.
5. Sorprenderá agradablemente a quen ouse con estas planas ver a simbólica superior que nelas habita, inzada de ceos, febres, pródromos, sílabas e soles, un festival de imaxinería poderosa que, en non poucos treitos, se volve case visionaria, salmódica e hiperconceptual.
6. Suporá un reto para os que frecuenten o libro ser quen de atravesalo indemnes, conseguir escapar das súas lapas, o ardor desértico no que palpitan as lembranzas e o vivido, estepas calcinadas dos días, abrasadas noites insomnes.
7. Gustará a quen lea ver como o significante, a arquitectura, está coidada ata o mínimo detalle polo autor, que presenta este texto como un longo e único poema en forma de dietario versal de balizador minutado.
8. Internarse nesta “Fiebre” asegurará aos máis afectos ao verso de novo a posibilidade de comparar as solucións que aquí achega o propio Valle como autor-tradutor, estimando ata que punto hai distancia respecto a “As asuras” e onde se atopan os lindes da recreación libre e da translación fidel.
9. Procede estimar, de primeira man, se o poeta e os editores atinaron ou non coa imaxe de cuberta de Hoshino Ai e os textos de presentación de Oriana Méndez e servidor que figuran na contracapa.
10. Finalmente, tentar esta “Fiebre” de Luís Valle ha de ser o único xeito de xerar unha opinión propia e fundamentada para saber se quen isto escribe ten razón ao cursar o convite e se a insistencia en saudar e recomendar a lectura das diferentes obras que o poeta lugués vai dando á luz é toda unha feliz intuición ou unicamente unha devoción persoal.
Remato: para saber máis, recupere quen chegou ata aquí o comentario “A escrita da sede” que apareceu neste mesmo suplemento (29-10-2023), onde me debrucei sobre o libro xemelgo e matricial “As asuras”, que agora cobra nova e internacional vida nesta “Fiebre” de labaradas de versos pola que cómpre felicitar ao seu autor.