LETRAS ATLÁNTICAS | Historias exerias

Literatura en #Nordesía: Armando Requeixo escribe sobre o libro de relatos do "Premio Exeria"
LETRAS ATLÁNTICAS | Historias exerias

Hoxe quero dar conta dunha obra de valor que proxecta unha iniciativa non menos loable. O volume titúlase Premio Exeria. Relatos 2021-2024 e recolle os textos galardoados neste certame, convocado polo Ateneo Atlántico e a Fundación Xoán Piñeiro no último cuadrienio.


Tal como o seu título anuncia, “Premio Exeria. Relatos 2021-2024” integra a escrita distinguida no concurso, que, na primeira das súas convocatorias, a de 2021, ofrecera as modalidades tanto de narrativa coma de poesía, o que explica que neste libro, amais dos relatos do premio, aparezan tamén dous poemas iniciais que foron, respectivamente, o gañador e finalista daquela primeira convocatoria. 

 

Logo, figuran no volume as oito historias que, como gañadoras ou como finalistas, foron recoñecidas nestes anos. Mais, antes diso, o libro ábrese cun pequeno limiar de Luísa Abad, presidenta do Ateneo de Vigo, e un prólogo de Silvia Penas, presidenta do xurado nalgunha ocasión.


Como é de esperar, os minirrelatos (por bases, de nunca máis de cinco mil caracteres) aquí reunidos son ben diversos, tanto polo feitío estético coma polo angulado temático, malia responderen todos ás propostas preceptivas de cada convocatoria; a saber: “Paseando pola cidade” (2021), “Vigo, futuro imperfecto” (2022), “A ría, aperta de sal” (2023) e mais “Vigo, aldea de noso” (2024).


Deixando á parte os dous poemas iniciais, de ambición máis que discreta, o libro achega primeiramente a narración “Dúas mozas” de Nones Araújo, unha historia ecfrásica que procura a homenaxe das célebres Marcela e Elisa, as dúas mozas que loitaron polo seu amor contra as férreas convencións patriarcais da sociedade que lles tocou vivir.


Da súa parte, “Dous vellos con boina negra” de Andreia Costas é apenas a reprodución dun diálogo ocorrente entre dous anciáns rexoubeiros que tenta atrapar, sen conseguilo sempre, a fina ironía e a lúcida crítica social da nosa paisanaxe máis entrañada.


Pola contra, “Meditacións” de Alfredo Naz si consegue mergullarnos nesa esquizofrenia dos novos urbanitas que viven de costas á raíz rural, pero que, dalgunha maneira, loitan por recuperala para non desemantizarse, para non perderen definitivamente unha identidade cada vez máis diluída.


“Nocturno de Vigo”, de Alberte Momán, é un dos relatos máis logrados do conxunto e introdúcenos no mundo da noite viguesa, das súas tascas e pubs, das súas rúas imposibles e luares no Berbés, un territorio xenuíno que aquí é visitado nun bucle metaliterario, onde as noites de safari e a presenza da incomparable Marleen Malone nuclean unha narración que vai de Momán a Zúñiga pasando pola nostalxia.


Non me cabe dúbida ningunha de que “Lugar fermoso”, de Lois Alcayde Dans, é unha das grandes achegas deste volume, unha historia que dende un presente de evocacións familiares e amizades indisolubles nos retrotrae ás feridas e as lañas abertas pola Guerra Civil para defrontarnos ao paradoxo de horrores pasados que non se explican puidesen pasar na fermosura da beiramar do paraíso olívico. 

 

Escrito cun pulso de quilates, este minirrelato confirma o autor como unha voz poderosa, que narra dende o coñecemento profundo da ánima e a fulguración da intuición que se abre á epifanía do que non se di pero se suxire, daquilo que, oculto, é a esencia e a razón do que fomos, do que somos.


Pablo Nogueira Campo trae ao libro “Nó de mariñeiro”, un relato de vinganzas amorosas escrito con esmaltada prosa. O mesmo alento requintado e evocador que anima “O derradeiro alento do boi” de Fran Fernández Davila, simbólica historia que nos debroca na traumática transformación dun Vigo que, esquecendo a raiceira dos eidos, se abismou no omnímodo urbanismo deshumanizador.


Pecha o volume “Unha aldea de luz” de Soledad García Rivero, narración na que o pulo fantástico se concreta na figura de Undomel, a dragoa protagonista, que sobrevoa os séculos de Vigo e coida del para que as lumieiras endexamais se extingan.


Cómpre felicitar os organizadores do Premio Exeria por este primeiro froito celmoso da súa andaina e de-sexarlles longa vida. Oxalá os anos que veñan nos traian moitas outras historias que ler e que gorentar. Será sinal de que o certame segue a ser todo un pulmón literario vigués.

LETRAS ATLÁNTICAS | Historias exerias

Te puede interesar