LETRAS ATLÁNTICAS | Versos para sementar

Literatura en #Nordesía: Armando Requeixo escribe sobre "Un ferrado de terra", de Xerardo Quintiá
LETRAS ATLÁNTICAS | Versos para sementar

Teño escrito xa nalgunhas outras ocasións sobre a benemérita iniciativa do escritor e activista cultural Antonio Piñeiro, quen dende as terras de Ribeira anima unha aventura tan singular coma admirable: o selo editorial Bourel, unha empresa de edición artesanal de obras literarias que, devagariño, foi converténdose en toda unha referencia que atesoura textos dalgúns dos mellores escritores galegos do noso tempo.


A estes acaba de se sumar Xerardo Quintiá, voz ben coñecida pola súa traxectoria como narrador e poeta, que ao longo de case trinta anos ten agasallado ao lectorado con títulos como Finísimo po nas ás (1997), Unha soa man e outros intres (1999), Un rabaño de ovellas brancas (2001), Ailalalalalelo de auga (2001), O libro dos aparecidos (2002), Poesía en ruta (2007), Fornelos & Fornelos (2011, 2016, 2019), Hotel Cidade Sur (2012) ou Obra inacabada de Dosinda Christensen (2021), entre outros.


En Bourel aparece agora Un ferrado de terra, nunha coidadísima edición con poemas mecanografados nunha Olympia Traveller de Luxe, impreso no taller do amentado Antonio Piñeiro, que elaborou unha serie limitada de cen exemplares, cotizadísima peza para coleccionistas.


Canto ás orixes deste breve poemario o propio Quintiá dá conta delas no proemio que dispón para a obra: en 2021, convidado pola Fundación Novoneyra ao festival Eidos de Outono, ideou estes versos que levou ao Courel xunto a un ferrado da súa terra friolesa, que depositou no fondo do leito do espazo que acolle hoxe os restos do gran poeta daquel lugar. Seguidamente, outro presado de terra courelá viaxou ao seu Fornelos friolés, servindo de base encol da cal plantar un buxo no que, confesa Quintiá, “no seu día, sobre as súas raíces, unha man liberadora esparexerá as miñas cinzas”.


Esta fermosa e simbólica unión aboia tamén nos versos de “Un ferrado de terra”, perfectamente telúricos e tamén novoneirianos. Unha escrita que, en ducia e media de composicións, traza todo un mapa sentimental, memorialístico e identitario, no que a localización do emotivo, do territorio dos devanceiros e do seu legado e a adhesión á tribo rural de herdanza milenaria configuran un particular cosmos que nos conecta coa Galicia que se envolve en sabas de mil anos.


Confesa, así, o poeta que vén “de terras chairas como océanos/ e ollares longamente estendidos por onde nebras/ aboian/ ialmas/ febras/ farrapos/ levidades/ de outrora”, unha nación “onde homes/ con vacas onde homes con paxaros onde/ unha aldea soa casa con xente/ me habitou onde un celeiro onde un can/ onde unha aira onde unha palleira onde mulleres/ con xestas onde mulleres con lagoas onde mulleres/ con feixes de orballo nas costas/ de aí veño e canda min veñen”.


Xa que logo, nesa ofrenda poética que dende as landas norlucenses cruza a vella provincia lucensis para chegar aos “outos cumes” Quintiá anuncia “traio no peito un berro para berrar/ traio nas mans un ferrado de terra para sementar”. E con el vai “o sol amarelo/ para alumar a Fontiña do Carabel”, a “auga branca como o cuarzo nacida/ ao pé dunha faia”, “folerpas brancas que o vento carreta/ mentres as vacas remoen/ o brazado de herba seca”, “camiños inzados de raizames/ e sombras de nubes en transo de ires”, sempre transitando “pola derrega da consciencia abrindo fendas/ non para a comprensión de conceptos/ con pesadume senón para a semente/ do orballo caendo dende os ceos/ sobre o brión e sobre as roseiras”, cunha intención firme e fundante: “entender que eu son esta cor de soidá”.


Será difícil que quen lea estas miñas liñas dea conseguido un dos preciadísimos exemplares desa marabilla que é “Un ferrado de terra” de Xerardo Quintiá editado pola Bourel de Antonio Piñeiro. Mais se por casualidade consegue tela entre as mans, lembre que está ante Poesía Maior, obra de mérito que moito cómpre saudar e á que, agora e aquí, se aplaude.

LETRAS ATLÁNTICAS | Versos para sementar

Te puede interesar