Aprendín sabedor, no senso de saber moi ben, de saboroso, dun dos poucos mestres de galego que teño, Don Calros da Rubiña, de San Sadurniño, lá por onde outro dos meus Mestres, con maiúscula, Francisco Rodríguez tivera a súa epifanía nacional, alá por Balocos. E sabedor, moito, é o libro que andiven a ler estes días, Arredor de Castelao no século XXI (Laiovento, Santiago de Compostela, 2025), de Pilar García Negro.
Un libro, na súa segunda edición, que recompila material publicado o ano 2001, procedente de canto escribira García Negro o ano anterior concitado polo cincuentenario da morte dun dos galegos máis xigantes de todos os tempos. Porque Castelao, quen fora todo, artista plástico, dramaturgo, ensaísta, poeta (agachado noutros obxectivos literarios), narrador breve, non tería andado moi lonxe de Chekhov de ter seguido a fondo nesa liña, conferenciante, político, é de seu todo un país, toda unha nación.
E neste manual de instrucións sobre como abordar a figura do noso capitán no tempo de hoxe Pilar García Negro entra a fondo para ilustrarnos dun xeito, xa o dixen, sabedor e sabido. Sen omitir os puntos escuros dun home que se comeza maurista, estudante “troiano” (de Medicina, en Santiago), practicante dun humor “comme il faut”, para os intereses da revista, en “Vida Gallega”, que logo atacaría a deriva nacionalista do rianxeiro, faría luz absoluta dun mester vital coherente e sacrificado, ata esa morte bonaerense en 1950. Aos sesenta e catro anos.
Por certo, o que del fica está no Panteón de Galegos Ilustres (xunto a Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas ou Fontán), en San Domingo de Bonaval. Láiase Pilar deste o seu segundo enterramento, na meirande soidade conceptual, sen que o visitante teña nova algunha de quen foi este home, que fixo por Galiza, por que razón fora morrer na Arxentina.
Protesta igualmente Pilar García desa integración “pro domo sua” de Castelao, por xente totalmente allea ao seu credo. E, tamén, á arte, á escrita, dun home do que apenas hai nada que non vaia conectado. Imposible afastar en Castelao o texto do pretexto e máis do contexto. Todo debidamente unido, pegado con pegamento fortísimo.
E poisque as imaxes teñen un poder absoluto non mancan neste libro, neste manual de instrucións sobre como entender a ollada que Castelao proxectara sobre os desfavorecidos (nenos, labregos, mulleres) nun tempo ruín cal o que el vivira, e que estouparía cunha guerra especialmente cruel, por fratricida, que o xenial rianxeiro plasmara, no que a nós afectara, nun primeirísimo e especialmente duradeiro plano, en “Galicia Mártir”, “Milicianos”, “Atila en Galicia”.
Un libro óptimo este de Pilar García Negro, de quen me confeso parcial. Por persoa sabedora e sabida. Quen tan ben entendera, outros, non tanto, o meu libro “Manuel María: un home de mil pezas”. Que a Galicia compre mirala con ollos ben enfocados. Así os de Pilar.