LETRAS GALEGAS | Nevaba en Oriana

Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe de "O corazón pronúnciase extenso", de Oriana Méndez
LETRAS GALEGAS | Nevaba en Oriana

Hai un libro posterior ao de Oriana Méndez que vou comentar hoxe: O corazón pronúnciase extenso (Espiral Maior, Carballo, 2021), V Premio de Poesía Rosalía de Castro, mais acontece que este aínda non o dera lido, dunha banda, da outra que o seu editor, Miguel Anxo Fernán Vello ten falado tan ben del que devecía por telo de man. O que non foi doado, por certo, ironías dun menda pródigo en case nada senón en libros e amor(es). 

 

O conto é que xa lin o libro de Oriana, dúas voltas polo aquel de misterio que “O corazón…” posúe, e fiquei conmovido e alebrestado como me acontece cando bato con “poetry in motion” como na canción aquela. E é que aquí, tempo de neve mais non en exceso, temos natureza a barullo, mesmo córvidos desconcertantes que apuntan cara a un certo surrealismo.


Ocorre que neses momentos, cando a superrealidade ataca no seu libro, Oriana apaña o rabo da vasoira reivindicativa e chouta a folga xeral ou a corporación municipal de Bueu no verán do 36. Paradigma do concepto Oriana Méndez cando o bou fai por levarnos a Bueu, lástima fora. (Non, correctores, mágoa, non, que a expresión é o que é, tal como a escoitei de galego falantes, monolingües, cando eu era un cativo.) 


Daquela, a poética desta autora viguesa, de 1984, ten vida de seu, tan propia, que non hai nela esa iloxicidade que tanto fraude vén agachando na poesía nacional. Acontece que neste caso, por debaixo das imaxes, tamén das máis minerais, das máis acedas, aparece unha linguaxe fermosísima, selo ou carimbo da casa. Senso que fai moi confortable esta poesía, ao menos para quen lle pedimos ao verso que nos excite, conmova, alebreste.


E iso desde unha (in)certa frialdade como esta poética suxire. Feita de pedra, ás veces, pero polida pola mestría de Oriana Méndez. Nin iloxicista nin “enxebre” (hai no panorama un iloxicismo ruralista que mete medo, aviso aos navegantes, que asombra, cal a sombra rosaliana, que dá sombra, que abraia) nin tampouco, xa se dixo, surrealista. 

 

Misterio, en fin, que a poesía máis que milagreira é, debe ser, misteriosa, mais tampouco sen abusar das metáforas cal novos ricos en posesión, de súpeto, dunha chea delas, seguindo, por exemplo, a García Lorca, o que o granadino si que se podía permitir por poeta grande. 


E a iso apunta Oriana Méndez, quen (e xa se dixo, tamén) non evade aquilo de facer da súa poética belixerancia. Mais daquela maneira, nada de ceibar versos realistas de máis coma nos tempos da chamada poesía social, senón de escribir: “naquela luz histórica/ na nosa historia labrada sobre/ a derrota da luz  e a un mesmo/ tempo sobre a súa constante/ vitoria diaria de porfía/ contra as néboas.” Por exemplo.

LETRAS GALEGAS | Nevaba en Oriana

Te puede interesar